Froitos depuradores

27 Novembro 2013
mazán

Unha das preocupacións máis grandes á que se enfronta a humanidade actualmente é a escaseza de auga potable.

Hoxe en día, en moitos países sófrese unha gran carencia de auga potable que comeza a ser un problema serio. Cara o futuro estímase que esta carencia empeorará incluso para países con recursos hídricos debido ao malgasto de auga e a diminución de fontes naturais de auga limpa.

A auga contén diversos contaminantes que necesitan ser depurados para poder consumila pero a tecnoloxía utilizada nos procesos de depuración non están ó alcance de comunidades de baixo poder económico como é o caso de diversos países de África. Aquí entra o gran traballo que levaron a cabo os científicos Ramakrishna Mallampati e Suresh Valiyaveettil.

froitos-dep

Estes investigadores, nun intento por atopar unha forma barata de potabilizar auga, experimentaron con materiais baratos e fáciles de obter, e o resultado foi a creación de dúas novas formas de purificar a auga: una delas usando peles de mazás e a outra usando peles de tomates.

O tomate é un dos froitos máis consumidos do mundo e, como a súa pel adoita ser tirada, constitúe un material moi barato. A pel deste ten a capacidade de retirar da auga diversas substancias contaminantes disoltas como sulfatos e substancias químicas orgánicas. Pero ademais do tomate, descubriuse tamén que a pel das mazáns goza da mesma capacidade xa que son capaces de eliminar as substancias contaminantes a través dun proceso de absorción. Estas teñen uns óxidos na superficie que son capaces de extraer anións de fosfato, arseniato e arsenito e ións de cromato en solucións acuosas o que facilita unha perfecta depuración.

Este descubrimento supón un gran avance, ecolóxico e económico. Pode beneficiar ás comunidades con poucos recursos económicos onde a instalación dunha planta de depuración é case imposible. Pero, ademais, tamén axuda a reducir o impacto medioambiental que trae o traballo de purificar auga xa que non consume enerxía nin produtos químicos.