Fósiles nas redes
O pasado marzo publicouse na revista Geodiversitas un artigo dando a coñecer o descubrimento de catro especies fósiles de zifios que viviron nas augas galegas.
En setembro de 2006 o arrastreiro galego Nuevo Richard, que faenaba no caladoiro da Selva, a uns 70 kilómetros mar adentro ao noroeste de Cedeira, recolleu un extrano cránio fosilizado. Sete anos despois, e logo de numerosas investigacións, probouse a existencia de catro novas especies de zifios (cetáceos odontocetos) que vivían no Atlántico no Mioceno, hai 15 a 20 millóns de anos.
O primeiro fósil descuberto pertence á especie Tusciziphius atlanticus, e máis tarde descubríronse tres máis: Choneziphius leidyi, Globicetu hiberus e Imocetus piscatus.
Cando Ismael Miján, voluntario da SGHN, descubriu o primeiro cránio deuse conta que era un dos fósiles de cetáceos máis antigos e mellor conservados do mundo. Publicou un artigo nunha revista chilena especializada e despertou o interese de dous especialistas en paleontoloxía mariña: Giovanni Bianucci (Universidad de Pisa) e Olivier Lambert (Museo de Ciencias Naturais de Bélxica) que viaxaron ata Ferrol para estudiar o fósil. Deseguida sumáronse a eles Klaas Post, do Museo de Historia Natural de Rotterdam (Holanda) e Octavio Mateu, do Museo de Lourinha (Portugal). Desde 2008 desenvolveron unha investigación que remata de concluír e recentemente foi publicada na revista Geodiversitas cun artigo de 50 páxinas que documenta e engade catro novas especies de cetáceos ao catálogo mundial.
Os descubrimentos débenlle moito as pescadores de Cedeira, Camelle, Muxía ou Portugal que foron cedendo numerosos fósiles á Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol (SGHN). Os expertos estudiaron 40 cránios válidos, a maioría atopados nas costas galegas, entre outros moitos que foron desbotando empregando TAC e raios X .
Catro especies de zifios , de catro a dez m de lonxitude, de fuciño pronunciado, sen dentes, grandes mergulladores, cun potente sónar que empregaban para orientarse para os desprazamentos e a caza. Movíanse polas frías augas do Atlántico Norte (de Galicia a Terranova) e alimetábanse de cefalópodos que capturaban por succión. Un deles, o Globicetus hiberus ten unha esfera craneal na parte frontal da cabeza, unha peza de óso moi duro que servía ao machos para protexerse nas súas pelexas a cabezazos polo control das femias e do territorio.