Final meteórico

10 Febreiro 2011
meteorito

Na inmensidade do espazo, tan descoñecido e á vez sorprendente para o ser humano, existen multitude de corpos, entre os que se atopan os denominados meteoroides, que poden dar lugar aos meteoritos.

A  maior parte de nós podemos facernos unha idea do que é un meteorito, xa que non é inusual a súa presenza en libros e revistas, pero sobre todo no cine. Non obstante, o que nunca nos plantexamos de xeito firme e serio  é o feito de que o noso planeta, e como conseguinte os seres vivos que o habitamos, estamos expostos en todo momento a recibir o impacto dun deles; e este fenómeno e o que aquí me dispoño a analizar.

Principalmente cómpre dicir que os meteoritos ou aerolitos son meteoroides ou corpos menores do Sistema Solar, é dicir, corpos celestes que orbitan en torno ao sol e que non son planetas, planetas ananos nin satélites; que proveñen fundamentalmente de asteroides e cometas, e que entran á atmosfera terrestre. É necesario aclarar que se un meteoroide non chega á atmosfera non pode calificarse como meteorito, por este motivo hai moitísimos meteoroides, pero poucos meteoritos.

Contra a nosa atmosfera impactan meteoritos frecuentemente, pero debido ao seu limitado tamaño (milímetros, centímetros ou incluso metros de diámetro) son destruídos pola mesma sen que o percibamos, e dando lugar, cando os fragmentos nos que se destrúen son de maior tamaño, a estrelas fugaces, ás cales si podemos ver cruzando o noso ceo.

Pero, ¿que pasaría se contra a atmosfera impactase un meteorito de centos de metros ou incluso quilómetros de tamaño? Neste caso, o meteorito non se destruiría, e a propia atmosfera contribuiría para que o proceso posterior ao impacto resultase fatal e devastador para a vida, xa que como consecuencia do forte choque verteríanse á atmosfera centos de quilómetros cúbicos de materia (centos de veces máis materia da que verten as erupcións volcánicas máis importantes) que taparían o sol; pero a maiores, co impacto podería liberarse máis enerxía ca de todas as bombas nucleares do mundo xuntas, provocando uns efectos semellantes aos dun inverno nuclear. Ao ocultar o sol, esta enorme cantidade de pó que circularía pola atmosfera durante varios anos alteraría gravemente o clima, xa que as temperaturas descenderían a baixo cero e, como consecuencia, rematarían coas plantas e con todo o ciclo alimenticio coñecido, producíndose como resultado último a fin da civilización humana.

Para concluír gustaríame dicir que a miña intención con este artigo non é nin preocupar nin asustar a ninguén, senón que o meu propósito é meramente académico, e o único que busco é informarvos acerca dos meteoritos e expresar a idea de que, aínda que non o creamos, o noso planeta non está a salvo de sufrir un grande impacto. Polo tanto non resultaría desatinado afirmar que a fin do mundo non é algo tan alleo a alonxado, ou si?.