Febreiro
Febreiro é o segundo mes do ano no calendario gregoriano, con 28 días os anos normais e 29 os anos bisiestos. Foi chamado así en honra ás festas “februas”, o festival da purificación na antiga Roma, que naqueles tempos coincidían co fin de ano.
Antigamente tiña trinta días pero dous emperadores romanos quitáronlle un día cada un para engadirllo ao mes que levaba o seu nome e así darlle máis importancia: Xulio César a xullo e Augusto a agosto.
A pedra de febreiro é a amatista e a flor a violeta.
Os días duran máis e o sol xa quece. Na natureza aparecen os primeiros sinais do final do inverno. Comezan a inchar as xemas das árbores; florecen os salgueiros, as mimosas, as acacias, os amendoeiros, os pexegueiros, as magnolias, o romeu, os loureiros, os narcisos, os xacintos, os toxos, os cóncaros, os eucaliptos, as violetas, as aves do paraíso ... Os brións e fentos botan esporas. Nacen as patacas do cedo.
Os gatos, os lobos e os esquíos entran en celo. No mar desovan os abadexos e as rais e nos ríos as troitas. Empezan a aparecer os primeiros niños (pardales, merlos, xiríns...). Escóitanse os mouchos. Saen as primeiras rás e marchan algunhas aves invernantes.
O TEMPO
A temperatura media do mes foi de 14,5 ºC. Houbo 15 días de chuvia nos que se recolleron 129,4 litros/m2. O día 14 recolléronse 23,8 l/m2. Os ventos dominantes foron o NE (9 días) e o S (9 días) co refacho máis forte de93,6 km/h, o día 16, na semana en que nos visitou o ciclón Quirin que deixou desperfectos en toda a costa galega. Os días aumentaron 64 minutos
DÍAS SINALADOS:
2 de febreiro: Día Mundial dos Humidais. Día da Candelaria. Lévanse as candelas á igrexa e din que se casan os paxariños.
4 de febreiro: Día Internacional contra o Cancro
12 de febreiro de 1809: nacemento de Charles Darwin, científico inglés autor da teoría da Evolución.
14: Día de San Valentín, da Amizade ou dos Namorados. É común agasallar con rosas ou bombóns entre mozos ou amigos en expresión de afecto.
18 de febreiro de 1930: o astrónomo estadounidense Cyde William Tombauh descubre Plutón desde o observatorio Lowell en Arizona.
21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna
24 de febreiro de 1837: nace Rosalía de Castro, a escritora galega máis famosa. O 17 de maio publicouse a súa obra “Cantares Gallegos” por iso se celebra o Día das Letras Galegas.
27 de febreiro: Día Mundial do Trasplante
refraneiro
-En febreiro busca a sombra o cadelo
-A xeada de febreiro mata a vaca e mailo leiro
-Polo San Blas, aparellos para atrás (mar)
-En febreiro, sete capas e un sombreiro
-A neve de febreiro, poco dura no leiro
-Polo San Brais, dúas horas de máis
-Pola Candelaria, se chove e venta, o inverno entra; se ríe e chora, a metade do inverno vai fóra; se non chora nen rie, aínda o inverno está por vir; se chora e deixa de chorar, a metade do inverno está por pasar; se non chove nen implora, o inverno xa vai fora.
-Vaite febreiro cos teus vinteito, que se duras máis catro non queda can nin gato.
-Antroido á raxeira, Pascuas á lareira
-A auga de febreiro fai o palleiro