Falece Ánxel Vilas, a salvación do noso océano

3 Febreiro 2012
Ánxel Vilas

O pasado 12 de decembro faleceu Ánxel Vilas, patrón da embarcación “Xurelo”, e un dos principais protagonistas, da viaxe que deu pé á oposición ós vertidos nucleares no Océano Atlántico.

Desto cumpriuse en setembro 30 anos. Manuel Méndez, tenente de alcalde de Moaña en 1981 rememorou no dia do falecemento do patrón aquela intrépida e aventureira viaxe…
Greenpeace e Esquerda Galega organizaron unha expedición á misteriosa Fosa Atlántica, onde Bélxica ou Holanda vertían residuos nucleares. Todos os partidos políticos foron invitados pero ninguén aceptou, aínda que non só a política lles deu a espalda se non que conseguir unha embarcación disposta a levar ecoloxistas, políticos esquerdistas e algúns cronistas (entre os cales se atopaba Manuel Rivas)250 millas mar a fóra dende Cabo Fisterra tampouco lles resultou sinxelo. Foi nese momento cando apareceu Vila, un mariñeiro de 40 anos natural de Aguiño.

Tras chegar a un acordo coa Confraría de Ribeira, o “Xurelo” parte rumbo á Fosa con Vila e catro dos membros da súa tripulación ós mandos, sen teléfonos nin XPS. O patrón estimaba a posición que ocupaban a partir das cartas. Despois de dous días de travesía en solitario atoparon o esperado: dous grandes barcos holandeses, que protexidos por unha fragata, tiraban centos de bidóns con residuos nucleares ao fondo do océano, de forma clandestina, aínda que isto soubérono despois.

Os ecoloxistas galegos fotografaron e divulgaron os feitos. Isto marcou o inicio da fin dos vertidos. Ás seguintes expedicións, xa feitas acompañados doutro barco de Greenpeace avariado na primeira, apuntouse todo o mundo. Dous anos despois prohibiuse en Europa verter ao mar restos nucleares. 

vertidos radioactivos