Exposición: A auga na cultura galega

Estará no IES Asorey ata o 10 de abril
27 Marzo 2013
expo auga

O do 22 de marzo, coíncidindo coa celebración do DÍA MUNDIAL DA AUGA inauguramos a exposición A AUGA NA CULTURA GALEGA no Instituto Francisco Asorey.

Aproveitando o Ano Mundial da Auga e a Cooperación imos facer unha serie de traballos que recollen a importancia da auga na nosa tradición. Falaremos da auga na natureza, do seu aproveitamento e xestión, dos ritos e crenzas… e recolleremos algunhas mostras da literatura oral e pegadas artísticas.

Galicia é terra de moita auga, milleiros de ríos e regatos que discorren pola superficie ou augas que enchoupan a terras e fan xurdir mananciais aquí e acolá. Un país no que a auga é un elemento sempre presente, que xorde e corre por calquera lugar. Pero, como di o refrán “nunca chove a gusto de todos”  e unhas veces chove de máis, arrasando con todo o que atopa e producindo enchentes, e outras veces chove de menos e hai amplos períodos de seca.

A nosas xentes descubriron, coñeceron e aproveitaron durante séculos as relación da auga coa terra e a vida. E aproveitaron a forza da auga para facer que as pedras moeran o gran con que facer o pan, para cortar madeira, traballar o ferro afiar ferramentas. E souberon traballar a pedra para reter e guiar a auga, salvar os ríos e protexernos da chuvia. E tamén souberon empregar a auga para sanar ou gozar

Miles de refrans, cantigas, historias, contos e lendas teñen relación coa auga. Posiblemente pola importancia vital que ten a auga para nós (ao igual que para o resto dos seres vivos).

DESCRICIÓN DA EXPOSICIÓN:

10 paneis en lona de 1x1,5 m

Realización: Departamento de Normalización Lingüística e Ciencias Naturais do IES Asorey e Asociación CANDEA.

A exposición estará no noso centro ata o 10 de abril. Logo irá rotando polos distintos centros do Salnés que a soliciten        

GUIÓN DA EXPOSICIÓN

1-AUGA QUE CAE DO CEO

2-AUGA DA TERRA

3-AUGA QUE CORRE SOBRE A TERRA

4-AUGA QUE TRABALLA NA NATUREZA

5-AUGA QUE DA VIDA

6-AUGA QUE TRABALLA  (ENERXÍA)

7-AUGA QUE CURA

8-AUGA QUE LIMPA

9-AUGA QUE HAI QUE PASAR

10-AUGA QUE INSPIRA