Exposición: A auga na cultura galega

Inaugurouse o Día Mundial da Auga (22 de marzo)
11 Marzo 2013
expo auga

Aproveitando o Ano Mundial da Auga e a Cooperación imos facer unha serie de traballos que recollen a importancia da auga na nosa tradición. Falaremos da auga na natureza, do seu aproveitamento e xestión, dos ritos e crenzas… e recolleremos algunhas mostras da literatura oral e pegadas artísticas.

Galicia é terra de moita auga, milleiros de ríos e regatos que discorren pola superficie ou augas que enchoupan a terras e fan xurdir mananciais aquí e acolá. Un país no que a auga é un elemento sempre presente, que xorde e corre por calquera lugar. Pero, como di o refrán “nunca chove a gusto de todos”  e unhas veces chove de máis, arrasando con todo o que atopa e producindo enchentes, e outras veces chove de menos e hai amplos períodos de seca.

A nosas xentes descubriron, coñeceron e aproveitaron durante séculos as relación da auga coa terra e a vida. E aproveitaron a forza da auga para facer que as pedras moeran o gran con que facer o pan, para cortar madeira, traballar o ferro afiar ferramentas. E souberon traballar a pedra para reter e guiar a auga, salvar os ríos e protexernos da chuvia. E tamén souberon empregar a auga para sanar ou gozar

Miles de refrans, cantigas, historias, contos e lendas teñen relación coa auga. Posiblemente pola importancia vital que ten a auga para nós (ao igual que para o resto dos seres vivos).

DESCRICIÓN DA EXPOSICIÓN:

10 paneis en lona de 1x1,5 m

Realización: Departamento de Normalización Lingüística do IES Asorey e Asociación CANDEA.

A exposición será inaugurada o 21 de marzo para abrila ao público a partir do 22 de marzo, DÍA MUNDIAL DA AUGA. Rematará o 10 de abril.

Logo irá rotando polos distintos centros do Salnés que a soliciten

 

GUIÓN DA EXPOSICIÓN

1-AUGA QUE CAE DO CEO: recollemos imaxes e palabras do noso idioma para expresar toda a variedade das formas de auga procedentes da atmosfera: chuvia, neve, pedrazo, rosada, xeada… E completámolo con refráns, cantigas, lendas e unha escolma de textos de algúns dos nosos autores máis representativos.

2-AUGA DA TERRA: importancia da auga como punto de referencia para os asentamentos e da gran riqueza que se pode atopar en Galicia de todo tipo de formas de aproveitar os mananciais, así como das tradicións que se conservan arredor delas.

3-AUGA QUE CORRE SOBRE A TERRA:  ríos e regatos e as formas que se producen ao correr a auga pola superficie da terra: canóns, fervenzas, cavorcos…

4: AUGA QUE TRABALLA NA NATUREZA: a acción erosiva da auga formou multitude de formas que abondan na paisaxe galega: penedos, penas, laxes, covas…

5: AUGA QUE DA VIDA: a auga é o sangue da terra, nútrea e fai renacer a vida. Sen ela todo murcha e morre. Auga para usos humáns e agricultura.

6: AUGA QUE TRABALLA: a auga é unha fonte de enerxía sempre disposta para quen queira aproveitala: muíños, batáns, ferrerías, rodas de afiar, petacáns, noras…

7: AUGA QUE CURA: fontes miragreiras e balnearios. Son moitos os momentos nos que podemos identificarnos coa auga na natureza ou fora dela. Para relaxarnos, refrescarnos ou facer deporte, e tamén para tentar reducir as dores do corpo ou da alma.

8: AUGA QUE LIMPA: nos tempos en que non había auga corrente nas casas había que ir por auga á fonte para beber, lavarse ou cociñar.

Antes de haber máquinas de lavar nas casas había que ir lavar ao río e aos lavadeiros ou lavadoiros.

9: AUGA QUE HAI QUE PASAR: pontes, pontellas, pasos, vaos… mil formas de pasar os ríos.

10: AUGA QUE INSPIRA: AUGA E PEDRA FEITA ARTE. O bo facer dos nosos canteiros deixou múltiples mostras de construcións e estruturas para o aproveitamento ou condución da auga, desde un humilde picho ou baixante ata a fontes mais decoradas das cidades e mosteiros. Desde as obras anónimas dos artesáns ata os deseños dos artistas universais.