Un exemplo de superación

Entrevista a Chano Rodríguez Veloso, o deportista español con máis medallas olímpicas
6 Maio 2013
Chano

Hai unhas semanas estivo en Cambados dándonos unha charla o nadador paralímpico Sebastián (Chano) Rodríguez Veloso, dentro do programa de Normalización lingüística “Espello deportivo”, coa finalidade de fomentar o emprego do galego no deporte. Aproveitamos para entrevistalo.

Chano Rodríguez Veloso é un nadador paralímpico que  naceu en Cádiz e leva moitos anos en Galicia, vivindo en Vigo. Comezou a practicar a natación cando estudiaba na escola de náutica. Pasou varios anos traballando en salas de máquinas de barcos pesqueiros que faenaban nas costas de África. Despois de quedar na cadeira de rodas comezou a practicar natación en piscinas e xogou un tempo ao baloncesto. De seguida comezou a interesarse pola natación e participou no Campionato Galego de Ourense.

Despois de moitos bronces e pratas chegaron as primeiras medallas de ouro en campionatos de España e en 1999 bateu o primeiro récord do mundo. En Sidney colgouse cinco medallas de ouro e en Atenas outras tres. En Pekín rebaixou as súas mellores marcas e bateu o récord do mundo dos 50 m libres na proba de relevos. Conseguiu unha medalla de prata e dous bronces. En Londres dúas medallas de prata. É o deportista español con máis medallas olímpicas. Cos seus 56 anos segue traballando e adestrando.

-Que adestramento se precisa para nadar no mar?

É un reto persoal que precisan dun adestramento duro e longo. Moita forma física e moita resistencia. Nado sen cronómetro, a costa indícame a distancia e as mareas son a miña única referencia temporal. No primeiro tramo igual fas tres ou catro milllas nunha hora. Logo vas baixando e ao final semellas unha augamar. Mentalmente é frustrante, cando baixa a marea a corrente lévate de volta, e peor co vento de cara.

http://www.plus.es/videos/deportes/Informe-Robinson-octubre-2010-vidas-C...

-Que equipamento, acompañamento, infraestrutura…?

Traxe de neopreno, bebida e comida. Un barco de apoio con persoas de confianza e persoal especializado (médicos, fisioterapeutas, asistentes sanitarios). Eo máis importante, o apoio da túa xente.

-En todo ese tempo que botas nadando, que pasa pola túa cabeza?

Chano1

Cando estas na auga es ti. Non dependes de ninguén máis, só ti. Ninguén te gaña nin gañas a ninguén. É unha loita interna. Tes moito tempo para coñecerte a ti mesmo, para recapacitar, reflexionar sobre a túa vida. Nos podes facer outra cousa: nadar e pensar.

O peor son a sede e o frío. Cando estás conxelado o teu cerebro deixa de funcionar. Para repoñerme do esforzo como froitos secos e cada media hora bebo auga con sales. Non tes fame, pero sabes que debes comer. Todo se mestura coa auga salgada, pois comes dentro da auga, entre as ondas.

Como comezaches coas travesías no mar?

A miña primeira travesía no mar foi xunto a uns amigos que querían nadar de Sanxenxo a Ons. Axudeilles a conseguir un barco de apoio e convidáronme a unirme a eles cando levaban unha hora nadando. Eu ía sen neopreno, pero boteime ao mar e fixen o resto do percorrido con eles. As outras travesías fíxenas en solitario

Primeiro nadei desde as Illas Cíes ata Vigo, horas e horas, entre ondas de catro metros de altura. Despois desde a illas de Ons ata Vigo, dazaseis horas de natación ininterrompida

-Que probas destacarías das que fixeches no mar

O mar de Galicia impón. Non só o ves, chéiralo, respíralo. O vento, as nubes, a ondada batendo a recortada costa, o vavivén do barco ao mencer…

Na travesía de Ons avisáronme de que o día ía estar malo, pero non me botei atrás

Está fisicamente só, pero pensas en toda a xente que te apoia. Os meus amigos madrugan máis ca min, rematan de traballar e sóbense vinte horas nun barco con mala mar, e de aí volven ao traballo.

Como era visto a travesía complicouse, a zódiac non podía achegarse. Nadando no mar o frío entra polos pés. Os nadadores de longas distancias combáteno patalexando con máis forza. Pero cando eu percibo o frío xa está por enriba da cintura, onde teño sensibiliadde, e a hipotermita está perigosamente preto do corazón. Despois de 16 horas nadando, en medio dun ataque de xenio, felicidade e rabia contida, sacando forzas, entrei no porto de Vigo nadando a bolboreta, o estilo que peor nado e que máis me custa. Pero quería chamar a atención dedicando aquelas brazadas aos que nunca confiaron en min. O resto da travesía, as dazaseis horas de sacrificio, foron para todos os demais, os que me queren e cren en min.

-O teu mellor recordo en relación coa natación no mar?

Cando consegues chegar e sentes o apoio da túa xente

-Tes algún proxecto en mente?

Un dos retos que teño en mente é nadar desde a Illa de Sálvora a Vigo. Ninguén o fixo antes. Hai tres rías e máis de 40 km de auga por medio.

-Por último, algo que queiras destacar

Gústame a presión. Lévoa ben. Chegar a unha final duns Xogos Paralímpicos e sentir na bancada a dazasete mil persoas pendentes de ti, en completo silencioo ata que soa o asubío de saída, é unha sensación única.

Moitas veces os rapaces pregúntanme por que fago estas travesías nas que sufro tanto.. Eu respóndolles: “O ser humano está feito para superarse. Levámolo dentro. Senón estaríamos aínda nas cavernas”.

Moitas grazas por atendernos e ánimo para os teus proxectos futuros.

http://www.plus.es/videos/deportes/Informe-Robinson-octubre-2010-vidas-Chano/20101028pluutmdep_9/Ves/