As especies e o cambio climático
Durante as últimas décadas estase a producir un cambio climático acelerado que, aínda que é un fenómeno de causas complexas, está causado en boa medida pola emisión á atmosfera de grandes cantidades de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro. O devandito cambio climático dá lugar a un abano de efectos directos e indirectos. Como consecuencia estanse a producir cambios no medio físico local (temperatura, humidade do chan, luminosidade, etc.) que poden ter efectos moi prexudiciais sobre as especies con menor amplitude ecolóxica ou sobre aquelas que presentan unha distribución moi fragmentada.
Non obstante, como saber que especies corren maior risco?
Os científicos identificaron catro grupos de características que poden ser responsables dunha maior sensibilidade das especies ao cambio climático. As características son as seguintes:
-A dependencia dun hábitat e/ou un microhábitat especializado.
-A reducida tolerancia ou desenvolvemento en marxes ambientais moi estreitos que son susceptibles de ser superados en calquera das etapas do ciclo vital.
-A dependencia dun sinal ambiental específico que é susceptible de sufrir unha perturbación.
-A limitada capacidade de dispersión ou de colonización de zonas novas ou máis favorables.
A través destes grupos, os científicos puideron averiguar que ata o nove por cento de todas as aves, o quince por cento de todos os anfibios e o nove por cento de todos os corais demostraron ser moi vulnerables ao cambio climático e están xa ameazados de extinción.
Os paxaros máis ameazados atópanse na zona do Amazonas, o leste de América do Sur, Europa, a conca do Congo, zonas de América do norte, norte e centro de Asia e Australia. Por outro lado, os anfibios máis vulnerables son os amazónicos, de Eurasia, do sur de América do norte e Madagascar. En canto ós corais en perigo, encóntranse principalmente no Caribe e o sur do Mar Vermello, posto que o quentamento dos océanos está a destruír progresivamente algunhas dos corais máis grandes e diversos do planeta.