Envellecer, algo do pasado

11 Xaneiro 2015
envellecer

Nunha investigación, de hai algo máis de dous anos, tras a que se encontran 5 centros españois de investigación, lograron desenvolver un nanodispositivo intelixente capacitado para tratar células envellecidas, e que ademais de servir para o tratamento de patoloxías de envellecemento acelerado (proxerias), tamén serven para tratar enfermidades entre as que se encontran o cancro, o Alzheimer e o Párkinson.

No funcionamento deste nanodispositivo intelixente, as nanopartículas liberan substancias seleccionadas de uso terapéutico nas células en fase dexenerativa ou senescentes (a senescencia é un proceso fisiolóxico do organismo para eliminar células envellecidas ou con alteracións que poden comprometer a súa viabilidade), e non en outras. O nanodispositivo incluso podería chegar a ser útil no desenvolvemento de terapias cosméticas de uso tópico para o coidado e embelecemento tanto do pelo como da pel, así como un efecto anti-engurras, frear a alopecia ou protexer contra a radiación UV. Todo isto está asociado á acumulación de células senescentes, xa que, a pesar de que a senescencia axuda a prever a aparición de tumores, coa idade  as células senescentes amoréanse en órganos e tecidos, provocando un mal funcionamento destes, polo que se se lograse eliminar estas células, poderíase desacelerar a aparición de enfermidades asociadas ao envellecemento.

Durante as investigacións probaron estes nanodispositivos en cultivos primarios de persoas con Disqueratosis Conxénita, que presentan un alto porcentaxe de senescencia, debido a unha enzima propia do estado senescente, a betagalactosidasa. Así, coas nanopartículas deseñadas, que liberan o seu contido ante a presenza en exceso desta enzima nas células envellecidas, servirán para eliminar as células senescentes e prever o seu deterioro, ademais de poder reactivalas para o seu rexuvenecemento.

Co descubrimento destas nanopartículas, preséntasenos unha oportunidade única de subministrar compostos terapéuticos de forma selectiva a tecidos afectados, ademais de protexer a viabilidade e o funcionamento dos mesmos, e así poder tratar enfermidades con envellecemento prematuro dalgúns tecidos, tanto en pacientes moi novos, quenes non poden recibir ningún tipo de terapia, como en adultos.

Agora, queren probar os resultados desta investigación con axentes terapéuticos e validala en modelos animais.