Entrevista a Luma, fotógrafo da natureza

4 Xullo 2011
Luma

Traemos aquí hoxe unha entrevista con José Antonio Acuña. “Luma”, unha persoa amante da natureza apaixoado e paciente que adica moitas horas e esforzo a buscar esas fermosas fotografías que podemos gozar na súa páxina web que vos recomento que visitedes.

Coñecín a Luma de casualidade nunha charla en Pontevedra e admireime da súa paixón. Máis tarde colaborei con el en varios traballos.

É Diplomado en Ciencias Empresariais e traballa como técnico contable nunca empresa dedicada a fabricación de pasta de papel.

Algunha das súas fotos sairon publicadas en revistas como Caza Galega, Iris, e Visión Salvaxe. Colaborou tamén en libros da editorial A Nosa Terra sobre a natureza Galicia: "Espazos naturais ", "Montañas ", "Ríos " "A costa ". Ademais ten unha exposición itinerante, con 40 fotografías  chamada “natureza galega”, e que leva percorridos varios concellos Galegos. O derradeiro foi o de Cerdedo.

De cando che ven a afición á natureza?

Dende que teño uso de razón. Cando de pequeño me preguntaban que me gustaría ser de maior eu sempre respondía que cazador porque era o único que coñecía con contacto directo cos animais. Ainda así eu comecei como observador de paxaros e non foi ata istes derradeiros anos cando cambiei os catalexos pola cámara fotográfica.

Que parte da natureza che gosta mais.

Eu son paxareiro dende sempre e realmente teño especial predilección polas aves. Pero dun tempo a esta parte estou a descubrir o incrible mundo dos insectos e agora non paro de ir detrás das bolvoretas, arañas etc... É un mundo apaixoante e pouco coñecido.

Luma2

Cal e o destino do teu traballo.

Fundamentalmente Internet. Ainda que de vez en cando publico algo nalgúnha revista de papel, a maioría  das miñas  fotos andan pola “rede” e poden verse entre outras, en www.lumafoto.es ou en www.fotonatura.org.

Cal e a foto que máis che costou facer.

Máis ca unha foto foi un paxaro. O abellaruco é un ave moi común no centro e sur de España, pero moi escasa en Galicia. De feito as únicas colonias de cría están en Ourense, en terras de Trives, nos líndes con Zamora. Cada vez que ía para alí tiña que sair da casa as 5 da mañá. As 8 xa estaba metido no agocho, e non podía saír ata a derradeira hora da tarde. Os paxaros nunca te deben  ver entrar ou sair do agocho. Eran xornadas esgotadoras. Lémbrome que un día do mes de xullo, tive que sair do agocho porque  mareabame da calor que ia dentro del.

Un reto pendente.

Cada saida ao campo e un reto. Este ano, propúxenme facer boas fotos de rula e de bubela, paxaros cada vez máis escasos por estas terras. Estamos traballando en elo.

Que ave galega escollerías como favorita.

Ainda que é un paxaro moi común e coñecido eu téñolle moito cariño aos paporoibos. A miña  teoría é de que se fosen humáns serían actores de cine ou teatro. Cada vez que ven un teleobxetivo póñense diante del a facer parvadas. Son moi curiosos e confiados e a mín téñenme salvado moitas xornadas de agocho, cando o paxaro que queres fotografiar non aparece.

Cóntanos algunha anécdota

A verdade que levo tantos anos saindo ao campo que teño un feixe delas. Ainda así a que conto moitas veces, e a que me ocurríu en Viana Do Bolo, precisamente fotografando aos abellarucos. Era media mañá e estaba metido dentro do agocho de lona. Por fóra puxera unhas redes de camuflaxe e unhas ponlas de xesta. Como non había nin rastro dos paxaros e o día estaba sendo moi tranquilo e aburrido, atopábame medio durmido ata que un rebaño de ouvellas me sacou do meu sono. A éstas debeulle gostar o olor das redes de camuflaxe porque un grupo delas empezou a rillar nelas. Eu dende dentro intentaba tornalas, pero sin éxito. Non quería facer moito ruido para que o pastor, que andaba por alí preto, non me descubrise. Dinme conta de que se non facía algo rápido ia a quedarme sen agocho, porque cada vez viñan mais ovellas, así que decidín empezar a mover o agocho dende dentro para que se asustaran. Así foi, e saíron despavoridas. Co que non contaba era co can, un pedazo de Mastín máis grande ca mín. Achegouse e comezou a cheirar e a ladrar coma un tolo. O pastor desconfiado chamouno e o can acudíu sen rechistar co seu dono, que pasou ao meu carón e nin se enterou. Ao final,  as ovellas e o can sabían que alí algo había e como paradoxa podía decir que non sempre o home é o mais listo ainda que así él o crea.

 

Luma1

http://www.lumafoto.es/galeriaalfabeto1.php?id=386

 

http://www.lumafoto.es/galeriainsectos.php?pg=2

 

http://www.lumafoto.es/galeriaavescomun1.php?id=403