Enganos nas cores

27 Marzo 2014
bolboreta mormón

Unha investigación publicada na revista Nature e dirixida por Krushnamegh Kunte, revela as bases xenéticas da habilidade que posúen algunhas bolboretas, como a da especie mormón común (Papilio polytes), para variar os patróns das súas ás e imitar a outras especies de bolboretas tóxicas.

Un só xene, “doublesex”, permite que as femias de mormón común imiten a forma e a cor das ás dos seus homólogos masculinos ou as doutras especies tóxicas do xénero Pachliopta, o que mellora a súa supervivencia.”Doublesex” é un xene altamente caracterizado en insectos.

O mimetismo é unha táctica utilizada por numerosos organismos no mundo natural. É moi común nas bolboretas. Algunhas especies non requiren mimetismo xa que son tóxicas e de sabor desagradable. Cando as bolboretas que non son velenosas imitan a cor e as marcas das bolboretas que si o son, este fenómeno denomínase mimetismo batesiano.

Secuenciaron os xenomas de 30 bolboretas e buscaron correlacións entre estes xenes específicos e o patrón das ás. Só o “doublesex” mostrou unha asociación. Agora aínda queda identificar o mecanismo molecular preciso que está detrás deste comportamento mimético.