Enerxía solar térmica

4 Xaneiro 2012
SOL

O sol é a fonte inesgotable da maioría das enerxías. Mantén o noso planeta dentro dunhas condicións que fan posible o seu funcionamento e a vida.

Quece o solo, o aire e o mar. Pon en movemento as masas de aire da atmosfera producindo os ventos.  Evapora a auga do mar que forma as nubes e volve a precipitarse en forma de chuvia ou neve para alimentar as correntes de auga. Os raios de Sol son absorbidos pola clorofila das follas e as plantas, co carbono que extraen da atmosfera, a auga e os minerais produen azucres, graxas, prótidos...elementos constitutivos dos seus tecidos e base de todo o ciclo alimenticio dos demais seres.

A enerxía do Sol viaxa a través de 150 millóns de km en forma de radiacións electromagnéticas e a superficie da Terra recibe aproximadamente 1 kilovatio diario por metro cadrado desta enerxía en forma de luz e calor, variando en función da zona xeográfica, da altitude, da época do ano, da calidade do aire...

Desde antigo a enerxía solar térmica usouse, con ou sen coñecemento, para secar, para extraer sal da auga do mar, e procuráronse aproveitar os seus beneficios orientando convenientemente as vivendas e construíndolles ocos e “trampas” para capturala (galerías...) ou modificando as condicións ambientais en pequenos espazos (invernadoiros...) para captala co maior aproveitamento posible. Na actualidade úsase tamén para auga quente sanitaria e para producir enerxía eléctrica.