Enerxía a partir do leite

Entrevista a Manuel Becerra, da Universidade de A Coruña
3 Xaneiro 2011
Manuel Becerra

O grupo EXPRELA (Expresión Xénica en Fermentos e Aplicación) está coordinado por Esperanza Cerdán. Pertence ao laboratorio de Bioquímica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña.

O proxecto para obter bioetanol a partir do soro lácteo conta coa colaboración da empresa Queizúar que comercializa os queixos Bama da D.O Arzúa-Ulloa quen conta con poñer en marcha proximamente a planta piloto que será a primeira de España en aplicar esta técnica para obter enerxía eléctrica. O proxecto está dirixido por Manuel Becerra quen amablemente se prestou a concedernos unha entrevista.

 

Cantas  persoas compoñen o grupo?

13 persoas entre profesores e alumnos realizando a súa tese doutoral.

De que ámbitos científicos proceden?

Maioritariamente biólogos ainda que hai farmaceúticos e químicos.

Existen outros grupos de investigación que traballen na obtención de biocombustibles a partir de subprodutos lácteos?

A nivel internacional existen outros grupos traballando para intentar conseguir bioetanol a partir de soro lácteo.

Nese caso, que diferenzas amosa o voso método en relación aos demais?

A diferenza básica é a utilización dunhas cepas de levadura modificadas xenéticamente no noso laboratorio co obxectivo de obter un maior rendemento na produción de bioetanol a partir de soro lácteo.

Tedes algunha estimación sobre a capacidade de produción de bioetanol na industria láctea galega no caso de ser viable a súa xeralización?

Debido á existencia dun volume moi importante de produción caseira ou artesanal sen rexistrar, é difícil ofrecer datos fiables sobre a cantidade de leite destinada á fabricación de queixos. Cos datos do 2002 estímase que arredor do 4,5% do leite producido en Galicia destinouse á fabricación de queixos, o que supón a xeración duns 103 millóns de litros de soro ao ano. A partir deste soro habería que concentralo e fermentalo para producir o bioetanol polo que é dificil facer unha estimación.

Considerades que este proceso cubriría só o autoabastecemento enerxético das plantas produtoras de queixo e outros derivados lácteos, ou tamén ten capacidade para producir combustibles para a automoción?

Nunha primeira fase intentamos que cubra as necesidades enerxéticas da planta queixeira, no caso de que se produza un excedente o bioetanol xerado podería ser derivado a outros usos.

Que outras posibilidades obtención de biocombustibles ofrecen os residuos procedentes da industrias agricola, gandeira ou forestal, ou das industrias alimentarias en xeral?

Na actualidade a produción de bioetanol retomou maior importancia como consecuencia da crise internacional do petróleo e as perspectivas do cambio climático. A produción de bioetanol a partir de soros lácteos suporía unha alternativa á produción do mesmo a partir de produtos agrícolas como o millo e aliviaría a presión inflacionista que está a exercer a demanda crecente de materiais agrícolas para a xeración de bioetanol.

Este tipo de prácticas de reutilización de subprodutos de procedencia agrícola e gandeira para a obtención de biocombustibles teñen máis importancia desde o punto de vista ambiental ou desde o punto de vista económico?

No noso caso o interese para o sector leiteiro e os posibles beneficios son obvios. Supón a reutilización e valorización dun compoñente maioritario dun subproduto da industria queixeira, o soro de leite, con alto impacto contaminante, para producir bioteanol a partir da lactosa do soro e reducir así a dependencia enerxética da empresa. Polo que é importante dende o punto de vista ambiental e tamén económico.

Cal consideras que é o nivel da investigación en Galicia no voso campo?

O nivel da investigación en Galicia en canto a Biotecnoloxía e Bioloxía Molecular é razonablemente bo con equipos de investigación publicando en prestixiosas revistas internacionais ainda que sempre se pode mellorar.

Cal e o nivel de colaboración entre entidades públicas e privadas na investigación científica en Galicia?

Neste proxecto, unha parte do custo é subvencionado pola Xunta de Galicia e o resto corre pola conta da empresa queixeira. A implicación de entidades privadas así como públicas no financiamento da investigación é fundamental para levar a cabo proxectos deste tipo, e faise necesario unha colaboración mais estreita entre ambas.

Que outros proxectos se desenvolven dentro de EXPRELA?

As liñas de investigación do grupo EXPRELA centráronse inicialmente nos mecanismos de regulación transcripcional que afectan a xenes respiro-fermentativos nos lévedos e fóronse ampliando e diversificando incluíndo tamén a expresión, estrutura e enxeñería de proteínas. A nivel aplicado trabállse na produción de enzimas de organismos termófilos. Estas enzimas presentan un gran interese industrial pola sua posibilidade de utilización a altas temperaturas. Noutro proxecto estase a estudar un factor transcripcional que está implicado na resposta das células a cis-platino, un composto que se utiliza como axente en quimioterapia para o tratamento dalgúns tipos de cancro.

Tamén se está estudando a defensa fronte ao estrés oxidativo nunha especie de levaduras que presenta un metabolismo altamente oxidativo que produce moitos radicais libres. Neste sentido, estas células son moi similares ás células neuronais humanas. Polo tanto poden utilizarse como modelo dalgunhas enfermidades neurodexenerativas, co fin de avanzar no seu estudo e ver como funcionarían os enzimas destes lévedos se son aplicados a organismos superiores.

queixería

Separando o soro do leite nunha queixería