Eliminando plantas "invasoras" das dunas de Silgar

CES
12 Decembro 2012
plantas invasoras

Ao finalizar o pasado curso o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) realizou unha das súas habituais actividades “abertas” tentando, unha vez máis, a implicación da sociedade da nosa comarca na defensa e protección do medio ambiente.

A actividade, concretamente, consistiu en tratar de eliminar as plantas invasoras que ao longo do tempo foron colonizando as dunas da praia de Baltar, en Portonovo. Moitas plantas, que son características doutros ecosistemas, rematan por instalarse nas zonas dunares competindo e eliminando delas á flora autóctona, coa conseguinte perda da nosa biodiversidade.

En ocasións é o vento o culpable de trasladar as sementes de plantas non desexadas ata as zonas areosas onde atopan unhas ideais condicións. Outras veces é o ser humano o culpable, pois ao depositar entullos onde non debe, traslada con eles diferentes sementes e plantóns de especies peculiares que nada teñen que ver coa nosa flora autóctona.

O fatal resultado é que especies como a “herba da pampa”, tan habitual ás beiras das autoestradas, ou as chamadas “unllas de gato”, características de moitos xardíns costeiros, acaban por atopar o seu hábitat ideal nas zonas areosas das praias galegas, competindo e eliminando ás nosas características especies destes mesmos medios. O único xeito de eliminalas, sen mancar ao ecosistema autóctono, é arrincándoas a man; razón pola cal faise necesaria a colaboración de moita xente. E niso consistiu a actividade realizada o pasado mes de maio en Portonovo.

See video