Dinosaurios de Neuquén
Os dinosaurios son uns animais que atraen a nosa atención polo seu tamaño, rareza ou misterio. Viviron durante máis de 150 millóns de anos e desapareceron hai aproximadamente 65 millóns de anos.
Algúns dos fósiles de dinosaurios máis espectaculares do mundo atopáronse na Arxentina e moitos deles na provincia de Neuquén.
Aproveitamos a viaxe dun amigo por estas terras e presentámovos un traballo sobre os dinosaurios de Neuquén (Museo Eduardo Bachmann en “Villa El Chocón”).
A poboación onde está o museo atópase a carón do lago formado pola represa para enerxía hidroeléctrica. Os estudos comezaron en 1987 da man do paleontólogo Jorge O. Calvo e o xeólogo César Gazzera do Museo de Ciencias Naturais da Universidade Nacional do Comahue. Neses tempos descubríronse os fósiles do Ribachisaurus tessonei, o Andessaurus delgadoi, e o Limaysaurus. En 1993 Rubén Carolini, que traballaba para a empresa hidroeléctrica e acompañaba no seu tempo libre aos científicos, atopou a tibia do dinosaurio que foi bautizado co seu nome, o Giganotosaurus carolinii. Outros dinosaurios atopados na zona son o Argentinosaurus huinculensis e o Unenlagia comahuensis.
Esta zona, agora árida, foi moi diferente nos tempos dos dinosaurios. Era unha chaira con lagoas de pouca fondura e de gran extensión, con ríos de corrente lenta e clima subtropical habitada por dinosaurios, crocodilos, tartarugas e sapos.
En 1997 o “Val dos dinosaurios” foi declarado “lugar histórico Nacional”.