Día Mundial para a prevención dos desastres naturais

2 Novembro 2013
D M prevención desastres

O día internacional para a redución dos desastres naturais celébrase cada ano o segundo mércores do mes de  outubro.

Foi elixido este día pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1990, e ten como obxectivo reflexionar sobre a importancia de facer fronte rapidamente e mitigar os riscos dos desastres naturais. Deixou de celebrarse no 1999, aínda que se retomou no 2001.

Trátase dunha efeméride que tristemente está de actualidade ao longo do ano polos múltiples desastres naturais que se producen en todo o mundo. Concretamente, os desastres naturais máis importantes deste ano foron:

  •  Furacán Manuel: Nace o 13 de setembro e permanece activo 10 días, causando grandes estragos en México. Deixa 123 mortos, 68 desaparecidos e ó redor de 30 feridos.
  • Tornado Moore: Fórmase o 20 de maio, en Oklahoma. Permanece en terra 40 minutos, nos que percorre 27 km. Falecen 24 persoas e máis de 200 quedan feridas.
  • Ciclón Phailin: Este ciclón golpea a India o 4 de outubro con ventos máximos de 205km/h. Quedan tras o seu paso 44 mortos.
  • Terremoto das Illas Salomón: Cunha magnitude de 8° na escala Richter, este terremoto sacude as Illas Salomón, en Oceanía, o 6 de febreiro. O sismo provoca un tsunami, de pouca altura, que causa a morte de 9 persoas. En total hai 13 falecidos e 5 desaparecidos.
  • Terremoto de Aceh: Ocorre o 2 de xulio en Aceh, Sumatra, cunha magnitude de 6,2º na escala Richter. Deixa 35 mortos, 8 desaparecidos e ó redor de 275 feridos.
  • Terremoto Bohol: Sacude a provincia de Bohol, en Filipinas o 15 de outubro, cunha magnitude de 6,6º na escala Richter. Falecen 198 persoas, desaparecen 11 e máis de 600 quedan feridas.
  • Terremoto Dingxí: Un terremoto de 6,6º na escala Richter fai vibrar Dingxi, en China o 22 de xulio. Deixa 64 mortos.
  • Terremoto de Pakistan: É un dos máis graves deste ano tendo en conta o número de falecidos e feridos. Este terremoto de 7,8º na escala Ritcher afecta o 24 de setembro a Pakistan, a India e Omán. Atopáronse 825 falecidos e ó redor de 700 feridos.
  • Terremoto de Sistán e Baluchistán: Este terremoto iraní producido o 18 de abril, deixou aproximadamente 100 mortos, cunha intensidade de 7,8º na escala Richter.