Día Mundial dos humidais

Os humidais e o manexo da auga
3 Febreiro 2013
D M Humidais

O 2 de febreiro de cada ano celébrase o Día Mundial dos Humidais para conmemorar a data na que se adoptou a Convención sobre os Humidais (Ramsar), o 2 de febreiro de 1971.

É un día para recordarnos a importancia dos humidais e os beneficios que reportan, aproveitando ademais que o 2013 é o Ano Mundial para a Cooperación na Esfera da Auga. Os humidais representan un gran valor socioeconómico, cultural e científico, e a súa perda sería irreparable. Ademais son imprescindibles para os ecosistemas polo mantemento da biodiversidade e a súa función de regulación e abastecemento de auga.

Galicia conta con cinco humidais declarados como Sitio Ramsar que suman un total de 7.698 hectáreas: Ría de Ribadeo; Ría de Ortigueira e Ladrido; Lagoa e areal de Valdoviño; Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; e Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.

Ademais hai un inventario dos humidais galegos no que se constata a existencia de máis de 1.100 humidais, con máis de 70.000 hectáreas, repartidas de forma maioritaria entre os sectores litorais e as áreas de montaña sublitorais e centrais, agrupardos en catro grandes tipos: 
a) humidais mariños e costeiros: 153 (20.268,2 ha.)
b) humidais continentais: 659 (34.441,4 ha.)
c) humidais subterráneos: 7 (0,6 ha.)
d) humidais artificiais: 312 (15.965,8 ha.)