Día Mundial dos Bosques Autóctonos

3 Decembro 2013
bosque-Xesta

O día dos Bosques  celébrase dende hai máis de 10 anos e persegue concienciar á opinión pública sobre todo aquilo relacionado cos bosques autóctonos da Península Ibérica, tales como propagación de especies, problemáticas, importancia das especies autóctonas, educación ambiental…  Ademais busca que se potencie a recuperación dos nosos bosques e evitar a súa desaparición, polas plantacións forestais con especies non autóctonas que se produciron dende os anos 50 desmontando a vexetación natural existente.

Que é a vexetación autóctona ? Cando falamos de vexetación, plantas, árbores ou flora autóctona referímonos á que existe de forma natural nunha rexión determinada, ou mesmo un país, adaptada ás súas condicións ambientais.

Como se adaptan as plantas ao frío ou ao calor ? As especies autóctonas adaptáronse ás nosas condicións con diferentes estratexias, algunhas por exemplo, endurecen as súas follas para evitar a transpiración en verán, é dicir para non perder auga, outras mesmo estreitan as súas follas en forma de agulla como os piñeiros de forma que impiden a conxelación dos seus tecidos cando a temperatura é moi baixa. Así tamén poden colonizar lugares inhóspitos como os rochedos nas serras azoutados polo vento e o frío.

Por que plantamos árbores e plantas autóctonas ? As especies autóctonas son as que debemos plantar e favorecer no noso ámbito, porque son as que máis garantía nos ofrecen de prosperar nas duras condicións do noso clima. Se plantamos especies de ambientes onde a chuvia é máis frecuente teremos que regalas con máis frecuencia do habitual e polo tanto teremos que gastar moita auga, ademais de non nos asegurar que resistirán as xeadas de inverno.

Fraga Eume

Fragas do Eume

Dentro da Península Ibérica, existen distintos tipos de bosques autóctonos que se distribúen polo territorio en función das condicións ambientais. Desta forma, no norte da Península predominan os bosques de faias, carballos, abetos, bidueiros, acivros… mentres que a medida que nos desprazamos cara ao sur os bosques predominantes son os de aciñeiras, sobreiras, sabinas e xenebreiros. Non debemos esquecer a vexetación ribeirá que aproveita as condicións de humidade do chan para chegar a constituír impresionantes formacións de boques chamadas de “galería” como os freixos, ameneiros, chopos e salgueiros. Todos eles constitúen o noso máis valioso patrimonio natural.