Día de Rosalía
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) encargouse de organizar este 24 de febreiro, por segundo ano consecutivo, o Día de Rosalía, coincidindo co día do seu nacemento, neste ano o 174 aniversario.
O obxectivo da homenaxe pretende a institucionalización da efeméride, de forma que no calendario escolar figure como un día lectivo adicado a súa obra.
Celebráronse numerosos actos en varias cidades e vilas galegas, sendo a celebración central en Santiago, no Panteón dos Galegos Ilustres, onde descansan os restos da escritora. Simultaneamente léronse textos de Rosalía en Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Lugo, Betanzos, Ferrol, Ourense e Pontevedra.
Desde esta páxina queremos facer a nosa pequena homenaxe a esta muller que nos agasallou con fermosos poemas nos que a natureza galega está presente en todas as súas caras. Recollemos un fragmento de “Cantares Gallegos”
IV
Cada estrela o seu diamante;
cada nube, branca pruma,
triste a lúa marcha diante.
Diante marcha crarexando
veigas, prados, montes, ríos,
donde o día vai faltando.
Falta o día, a noite escura
baixa, baixa, pouco a pouco,
por montañas de verdura.
De verdura e de follaxe,
salpicada de fontiñas
baixo a sombra do ramaxe.
Do ramaxe, donde cantan
paxariños piadores,
que coa aurora se levantan.
Que coa noite se adormecen
para que canten os grilos
que coas sombras aparecen....