Continentes emparentados

Recentes descubrimentos poñen de manifesto a relación xeolóxica entre o Canón do Colorado e Australia
7 Xaneiro 2019
Canón do Colorado

Un feito moi obvio é que a Terra cambiou moito dende que xurdiu do choque e acumulación da materia que se concentraba ao redor da versión primitiva da estrela que nos da luz e enerxía todos os días, o Sol. Milleiros de especies poboaron o noso planeta e tamén se extinguiron moito antes sequera de que apareceramos nós, pero algo que quizais non parece tan obvio é que cambiou tamén a disposición dos continentes.
Que é iso de que os continentes se moven? Pois por alleo que nos pareza, é certo. Sen entrar en moitos detalles: unha das capas da Terra, o manto (concretamente unha parte controvertible no mundo científico: a astenosfera), ten unha parte plástica que facilita os movementos da capa superior: a litosfera.

Isto fixo que os continentes non estivesen sempre dispostos da forma que os coñecemos actualmente. Fai 300 millóns de anos estaban todos xuntos nun continente chamado Panxea. Pero antes del, houbo outro máis antigo.

Rodinia, do ruso “родина” (patria, terra nai) estivo presente entre 1300-750 millóns de anos. Ninguén dubida da súa existencia, o que causa algo de polémica é a súa disposición. Pero unha investigación bastante recente publicada na revista “Geology” é un gran paso no desenredo deste enigma.

Evolución continentes

Malia haber miles de quilómetros de distancia, un equipo de investigación liderado por Jacob Mulder, atopou similitudes entre unhas rochas de Tasmania e os Estados Unidos, concretamente do Gran Canón, que parecen indicar que estiveron xuntos nalgún momento da súa existencia. Non só se asemellan e teñen a mesma idade, senón que tamén comparten a mesma pegada xeoquímica. A conclusión do equipo foi que as rochas sedimentarias de Tasmania formaron parte do mesmo sistema que as do Gran Canon no mesoproterozoico, a era xeolóxica na que estaría presente Rodinia.

Este gran descubrimento é esencial para revelar por fin a disposición que tiñan os continentes en épocas moi anteriores ao ser humano e mesmo aos dinosauros. Mentres tanto, as placas da Terra seguen movéndose baixo ós teus pés e, con elas, os continentes. Dentro de 50-200 millóns de anos volverán a ser todos un só chamado Amasia e, aínda que nin ti nin eu estaremos aquí para comprobalo, o feito de que saibamos tanto do noso planeta sen ter vivido toda a súa historia é unha das cousas máis bonitas desta ferramenta ou incluso arte do ser humano que chamamos ciencia.

https://www.youtube.com/watch?v=Se7-sQsk39Y