A colleita de albariño no Salnés no 2012
O pasado ano 2012 a produción de albariño foi particularmente escasa, e os viticultores ao comezar a vendimar comprobaron que aínda era máis escasa do que eles pensaban. Comentarios como "a uva non rende nada...", "escaparon as uvas...", ou "non se dan enchido as caixas..." estaban na boca dos viticultores nas ringleiras de espera para descargar as uvas nas bodegas.
O certo e que non foi unha situación nova para O Salnés, e quizais estabamos mal afeitos polos resultados das últimas tres colleitas que foron moi abundantes (especialmente a do 2011); ou ben, que ao igual que pasa co tempo, temos pouca memoria histórica e a nosa capacidade de análise non vai mais alá do que pasou nos últimos 2 ou 3 anos.
Imos a falar un pouco de que depende o rendemento dun viñedo e cales son as particularidades que ten a nosa comarca e que fan que esteamos sometidos a estes caprichos da natureza.
A colleita de uva nunha parcela, simplificando moito, depende do nº de acios que haxa na viña e do que pese cada acio. Ese nº de acios, á súa vez, vai a depender da cantidade de gomos que se deixen e do nº de acios que teña cada gomo. Por outra banda o peso do acio depende sobre todo do nº de uvas que teña, xa que o peso unitario da uva varia pouco dun ano a outro.
Todas estas variables, o nº de gomos/m2, o nº de acios por gomo, o peso medio do acio, son o que se chaman "compoñentes do rendemento" e son datos que se manexan a nivel técnico para as estimacións e análise das colleitas; pero que o viticultor apenas está familiarizado con eles e son básicos para facer estimacións ou predicións de colleita temperás.
Cada ano o nº de gomos/m2 é un factor que controla o viticultor a través da poda, adoita ser bastante homoxéneo dentro do mesmo viñedo, a experiencia e a práctica fai que un mesmo viticultor deixe sempre un nº parecido de labores en función do crecemento que teña a viña.
Os dous compoñentes fundamentais que explican a variación de rendementos interanuais van a ser, dunha banda o nº de acios/gomo, tamén chamado fertilidade, e pola outra o peso medio do acio que é o gran descoñecido e non está moi estudado e pasa por ser o que provoca as maiores variacións.
E sobre todos estes factores a climatoloxía ten un papel fundamental no resultado final de cada un destes parámetros. A fertilidade ou nº de acios/gomo vese favorecida por condicións de ausencia de nubosidade e choivas nos meses de maio e xuño do ano anterior á brotación, pero sobre todo polas condicións climáticas da fase de agromado da viña. Temperaturas baixas e choivas elevadas fan que ese agromado sexa lento e a formación dos acios vese dificultada e diminuída. E o peso do acio depende sobre todo de que non chova durante a purga, xa que dese xeito a polinización vese dificultada e as flores caen sen formar uvas.
Tendo en conta todo isto, se analizamos os datos climáticos dos últimos anos, podemos ver que no 2012 déronse as condicións máis desfavorables para o viñedo no que respecta a cantidade de uva, unha brotación con frío e con choiva (mes de abril) e unha purga tamén moi chuviosa (finais de maio e comezo de xuño), e que foron semellantes a outras colleitas particularmente escasas como a do ano 1998 e 2000
.
Miguel Tubío Fernández
Director Técnico de Viticultura de Martín Códax.