A chuvia ao poder
Os Reis trouxeron auga. O gran temporal de chuvias de comezos de ano deixou durante tres días en Galicia a metade da chuvia que cae nun ano no resto de España.
Chegáronse a contabilizar 300 l/m2 en tres días. Os peores días foron o 5 e o 6 de xaneiro con rexistros máximos de chuvia (en 12 horas) de 126,4 l/m2 na estación de Fornelos de Montes. Na nosa zona o día 6 recolléronse 98,8 l/m2 no monte Castrove e 85,7 l/m2 en Tremoedo, nesta última chegou a 28,1 l/m2 nunha hora. Na estación do noso instituto recolléronse 80 l/m2.
Tamén foi importante o vento, aínda que na nosa zona notouse menos. No Monte Xesteiras (Cuntis) rexistrouse un refacho máximo de124 km/ho día 6 de xaneiro.
Os efectos deste temporal de chuvia víronse nos ríos que botaron fóra, nas estradas e rúas anegadas, derrubes de pontes e valados e incluso algunha vivenda. Nalgúns lugares os veciños ían de compras no tractor. O noso Instituto ten o patio traseiro convertido nunha piscina.