Un cambadés no Xapón

Entrevista a Fernando Vázquez Cao, enxeñeiro de telecomunicacións residente en Tokio.
6 Abril 2011
Fernando Vázquez Cao

Tres motivos para entrevistalo: a súa profesión, o país no que vive e, tristemente, os sucesos que fixeron saltar ao Xapón á primeira plana da actualidade.

Coñezo a Fernado desde moi pequeno e tíveno como alumno durante tres cursos no Colexio Público de Castrelo, onde eu e a súa nai demos clase durante moitos anos. Gardo del moi bos recordos, como persoa e como estudante que destacaba pola súa capacidade de traballo e razonamento, aínda que non lle gustaba nada debuxar. Vive e traballa en Tokio desde hai case oito anos.

Cóntame brevemente a túa historia académica.

Estudei o bacharelato no I.E.S. Ramón Cabanillas de Cambados e Telecomunicacións (especialidade Telemática) na Escola Técnica Superior de Enxenería e Telecomunicacións de Vigo. Máis tarde o doutorado en Tecnoloxía Electrónica.

Como chegou a decisión de marchar ao Xapón.

Concedéronme unha beca Vulcanus (promovida, en colaboración, polo Goberno de Xapón e a Comunidade Europea). Ademáis tiña especial interese por aprender idiomas e pola cultura xaponesa. Con esta beca estiven tres meses estudando o idioma e oito meses traballando nunha empresa.

Porque decidiches quedar en Xapón?

Porque tiña unha boa oportunidade e recursos para traballar no que me gustaba. En Galicia, e en xeral en España, hai poucas oportunidades de demostrar o que vales o que leva a unha fuga de mocidade prepararada.

Que traballo desenvolves?

Levo a investigación e desenvolvemento da división de Sofware Libre Linux no campo da virtualización, na empresa NTT. Desempeño o posto de lider técnico, representante da empresa nos organismos de estándares internacionais, organización de cumios, entrevistas, contactos, publicacións en revistas especializadas....

Recibiches algún premio ou distinción?

Recibín o Premio Nacional de Xapón de Sofware libre pola miña contribución a Linux e o Premio asíatico, concedido pola Axencia de promoción das tecnoloxía de Información de China, Xapón e Corea polo mesmo concepto. Fun nomeado enxeñeiro do ano NTT en 2007, 2008 e 2009.

Cantos idiomas manexas:

Galego, castelán, inglés, xaponés e algo de chino.

Cóntame como é a vida no Xapón. Que destacarías desa cultura?

Eu vivo en Tokio e hai un gran contraste entre a vida axetreada “do neón”, de ruído e actividade frenética do gran centro dos rañaceos e o Shitamachi, a cidade vella, o distrito no que eu vivo, que conserva todo o encanto tradicional, coas casas baixas de madeira, as tabernas e tendas de sempre, a vida tranquila e ceremonial, sen tráfico nen ruídos, onde aínda se ven os vendedores ambulantes de tofu ou patacas asadas. Subo no tren e en dez minutos paso dun mundo ao outro sen saír da cidade. Na xente hai un gran respeto pola natureza e moito civismo. Alí é habitual que os fumadores leven o seu borralleiro e non tiran nunca unha cabicha ao chan, as persoas que teñen cans recollen as “cacas” de xeito habitual. Os libros son moi baratos. O trato é moi respectuoso e non se meten, para nada, na túa vida. Síntome totalmente integrado.

Cóntame algunha anécdota ou experiencia destacada.

No traballo dinme que non sexa tan “xaponés”, dinme que son máis xaponés que eles (a non ser pola cara), que teño un gran sentido da lealdade e traballo moito de xeito desinteresado.

Estou tan afeito a falar xaponés que cando me chama miña nai, ás veces, fálolle en xaponés.

Unha nena de cinco anos, sobriña da miña compañeira, pregúntame que me pasa nos ollos?, por que os tes azuis?. Cando me descalzo para entrar na cas sorpréndese do tamaño dos meus pés e pregúntame se me doen ou se estou enfermo.

Como viviches os últimos sucesos?

Fernando tv

O Xapón está preparado para soportar os terremotos, hai refuxios en todas as cidades, as casas están deseñadas para resistir os tremores e no interior non se poñen obxectos que poidan producir danos ao cair. Eu xa sofrira varios terremotos, pero iste foi o de máis intensidade. Comezou cando estabamos no traballo, nun piso 12, e un compañeiro, que notou a diferenza, mandounos meter a todos debaixo das mesas. Durou 2 minutos. Ao achegarme á ventá vin o incendio da refinería. O primeiro impulso foi poñerme en contacto coa familia pero non funcionaban os móbiles e internet só un pouco tempo porque as liñas estaban colapsadas. O centro quedou colapsado e non funcionaban os transportes. Non sabía nada da miña compañeira e fun camiñando 20 km ata o seu traballo. Como non a atopei andiven outros 10 km ata a casa. As contínuas réplicas non che deixaban tranquilizarte nin durmir. En xeral non faltaron cousas e a cidade estaba relativamente tranquila, agás os cortes de enerxía polo paro das centrais nucleares. Despois veu a preocupación pola contaminación radioactiva que non se ve pero xera moita inquietude. De todas formas Tokio está considerablemente alonxada das centrais e non hai ningún perigo, polo menos de momento. A prensa sacou as cousas un pouco de quicio

Como crees que lle vai a afectar ao país?

É unha oportunidade para que cambien cousas. Os responsables das nucleares tentaron tapar o problema. Á xente amoloulle moito a lentitude de resposta do goberno, o exceso de optimismo e non pedir axuda antes. Alí os dirixentes de moitas empresas son “amakudaris” que significa “baixados do ceo”, en referencia a que non teñen preparación nin capacidade para xestionalas ben e chegaron aos cargos por seren anteriormente membros do goberno.

Como remate. Que lle aconsellarías aos nosos alumnos e alumnas?

Que se deixen levar pola curiosidade e que atopen a súa pasión.

Xapón