Un "cacharreiro" de Gundivós no Asorey.

Entrevista a Elías González
6 Xuño 2012
Elías González

O martes 15 de maio veu Elías González, un alfareiro de Gundivós (Sober) a falarnos da olería tradicional galega. Fixémoslle unha entrevista e explicounos como se fan distintas pezas. Algúns compañeiros e compañeiras tentaron probar como se facía.

Os oleiros, ou cacharreiros, como lle chaman na zona de Gundivós, son artesáns que elaboran pezas utilitarias con barro ou arxila, unha rocha que ao mollarse faise moldeable, o que permite que se lle poida dar formas diferentes, e ao cocerse endurécese e faise máis resistente.

A Elías o oficio venlle de que é dun pobo con tradición oleira. Era veciño dun alfareiro que lle ensinou o traballo. Adícase á olaría dende hai 12 anos de maneira profesional e dálle para vivir, dado que hai un centro onde expón as súas pezas. O tempo que se tarda en facer unha de estas pezas depende do tipo de peza e das aptitudes do oleiro, porque hai como 20 formas de traballar a arxila. Gustaríalle que os seus descendentes foran alfareiros, aínda que é un mundo duro, e depende do interese da persoa. Cando era principiante costáballe moito traballar pero logo xa foi mellorando.

Proceso de traballo:

-Primeiro collemos o barro, amasámolo e colocamos un pouco no centro do torno. Poñemos o torno a xirar e apretando cos dedos no centro do barro facemos a base.

-Logo imos facendo ''churros'' de barro e o unímolos coa base. Ímoslle engadindo máis e uníndoos por dentro e por fóra ata que teña a altura desexada.

olas Gundivós

-Tamén se pode facer decoración: liñas discontínuas, riscos, marcas cos dedos ou coa pitela, engadido de pequenos churros...

-Para facer a 'boca'' da xerra estírase, dóbrase e xuntanse a beira con moito coidado para que quede máis resistente.

-Para facer a asa estírase un churro como se se muxise unha vaca (isto fíxonos moita graza), córtase un anaco epégase na peza.

-Unha vez rematada a peza sepárase do torno con moito coidado e ponse a secar varios días. Logo cócese. Podería facerse ao aire libre (duraría moitos días) ou nun forno de leña ou gas (duraría 7 ou 8 horas, superando os 900ºC).

-A algunhas pezas dáselle un acabado impermeable para poder conter líquidos. Quéimanse nunha fogueira de carqueixa (unha pranta que arde moi ben) e co fume a xerra ponse negra. Cando está quente bótaselle resina de piñeiro (pece), que ao fundirse forma unha capa transparente e impermeable.

 

See video