A BUXAINA. Número especial monográfico sobre o mar
É a primeira vez que A Buxaina presenta unha edición especial ou monográfica sobre unha temática concreta. Nesta ocasión, todos os artigos da revista dixital do IES Francisco Asorey, versarán sobre o mundo do mar. E non é casual esta decisión, senón que responde á participación do noso centro nun novo proxecto educativo de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (CTS) do Campus do Mar de Vigo. Un proxecto chamado OCEANTICA, que ten como obxectivo enfrontarse aos grandes retos que a sociedade contemporánea está a demandar do coñecemento do medio mariño.
Este número monográfico de A buxaina será presentado o próximo día 13 de abril, en Vigo, no curso “Introdución de contidos transversais sobre as rías nos currículos”; curso que representa o arranque do proxecto OCEANTICA. Este número especial da nosa revista dixital será un exemplo de cómo nos centros de ensino podemos introducir o estudio de diferentes contidos, neste caso sobre o mar, á marxe do que ven marcado polos temarios dos diferentes niveis educativos.
Este monográfico marca un fito no achegamento do noso centro cara ao universo mariño, pero non se debe esquecer que desde os Departamentos de Ciencias do IES Francisco Asorey, o estudio do medio mariño sempre tivo un tratamento moi intenso e especial, polo que representa para o noso concello e, tamén, para Galiza.