A Bretaña

3 Outubro 2011
Bretaña2

A Bretaña é una rexión do noroeste de Francia. É un dos chamados países celtas, cunha cultura e cunhas tradicións semellantes ás galegas.

Tamén lembra moito a Galiza nas súas paisaxes. Extensos campos verdes e bosques (onde porén se nota a ausencia de eucaliptos), un clima atlántico con abundantes choivas, costas pedregosas con inmensos bolos graníticos…

Pero non obstante garda unha gran diferenza: mentres que a xeografía galega está dominada por unha topografía irregular de montañas e vales, Bretaña é eminentemente chaira. De feito, o seu punto máis alto érguese ata nada máis que385 m(unha altura semellante á da Armenteira). Nas paisaxes rurais é moi común a presenza de cruceiros.

A maioría das cidades e vilas bretonas teñen uns centros antigos formados por unhas casas tradicionais chamadas “maisons en pain-de-bois”, cuns tellados de lousa e unha estrutura de madeira visibles na fachada que lles dá un aspecto moi característico. Unha cousa que chama a atención é que case todas as vilas, por moi pequenas que sexan, teñen sempre unha enorme igrexa cun campanario rematado cunha altísima agulla, visible a varios kilómetros de distancia.

Algunhas das cidades e vilas máis importantes e interesantes son Rennes, Nantes (que historicamente foi a capital de Bretaña, aínda que hoxe pertence a outra rexión administrativa), Quimper, Saint-Malo, Carnac (famosa polos seus megalitos) ou o Mont-Saint-Michel. Esta última é unha impresionante abadía-fortaleza construída nun outeiro no medio dunha baía, e que está sometida ás mareas máis fortes de Europa. Con marea baixa, o Mont-Saint-Michel está rodeado dunha enorme extensión de marismas e areas movedizas, pero cando sube chega a cubrir incluso o aparcamento de acceso á cidade.

Bretaña

Os bretóns están moi orgullosos das súas orixes, da súa cultura e do seu país. Porén, chama a atención que, malia estaren tamén moi orgullosos das súas linguas propias (o bretón, de familia celta na parte occidental, e o galó, de ascendencia latina na oriental), hai moi pouca poboación que teña algunha destas linguas como materna, e case ninguén as fala ou fai esforzo algún por tan sequera aprendelas.

Bretaña1