Biotoxinas mariñas. A "purga do mar"

7 Abril 2013
dinoflaxelado

Dinoflaxelado

Nos océanos existen máis de 5000 especies de algas (principalmente dinoflaxelados pero tamén diatomeas). Teñen un papel vertebrador e fundamental no enriquecemento e no acondicionamento das augas para que os distintos tipos de animais que habitan nestas poidan desenvolverse. De aí a gran riqueza do mar galego a nivel mundial, grazas ao fitoplancto que se atopa nas augas das distintas rías.

Das cinco mil especies de algas, existen unhas 300 que en determinadas circunstancias da auga (temperatura, transparencia, turbulencias, salinidade, correntes verticais, concentración de nutrientes, ventos...) poden aflorar, producindo, na maioría dos casos, un cambio na cor das augas. Comunmente adoita empregarse o termo “marea vermella”, posto que grandes cantidades deste placto producen faixas de tonalidade vermella. Pero tamén son posibles outras cores (amarela, verde, azul ou marrón) segundo a especie e a súa localización entre as augas –máis ou menos superficiais-.

O papel que posúen estas biotoxinas para os microorganismos produtores non está claro. Crese que son empregadas como forma de loita entre especies por ocupación de espazos, combater a predación ou como defensa fronte o crecemento esaxerado doutros organismos.

toxinas mar1

Nas últimas décadas a frecuencia a intensidade e a distribución destas floracións de algas plactónicas prexudiciais están aumentando, polo que sectores de produción como o do mexillón ou a vieira vense obrigados a pechar a extracción, xa que ó ser estes organismos que se alimentan pola filtración de auga, son os primeiros que sofren a intoxicación pola biotoxina do placton.

Na actualidade as biotoxinas máis importantes son as referentes a mariscos e ciguatoxinas. Establécense cinco grandes grupos de toxinas de mariscos:

  1. Toxinas paralíticas de mariscos. Producen intoxicación paralítica por mariscos (PSP).
  2. Toxinas de mariscos diarreicas. Producen intoxicación diarreica por mariscos (DSP).
  3. Toxinas de mariscos amnésicas. Producen intoxicación amnésica por mariscos (ASP).
  4. Toxinas de mariscos neurotóxicas. Producen intoxicación neurotóxica por mariscos (NSP).
  5. Toxinas de mariscos azaspiracidas. Producen intoxicación azaspiracida por mariscos (AZP).

As ciguatoxinas causan intoxicación por ciguatera (CFP). É una intoxicación frecuente en lugares tropicais e subtropicais (augas do Océano Pacífico) que se produce a través da inxesta de peixe con dita toxina.

Todas estas toxinas son termoestables, é dicir, non son destruídas coa súa preparación, cocción, depuración nin esterilización. Sábese que o tratamento térmico nalgúns casos diminúe o nivel de toxina no molusco, aínda que este pasa á auga de cocción. Pero en calquera caso son resultados irregulares e que non posúe as garantías sanitarias suficientes.

En Galicia existen varias especies que están relacionadas coa aparición das mareas vermellas. Destacan nove especies que producen no consumidor parálise ou diarrea.

toxinas mar

Cómo se detectan as biotoxinas?

Na actualidade atopámonos no proceso de cambio do bioensaio con ratos e os futuros ensaios bioquímicos. O bioensaio con ratos foi desenvolvido hai máis de 50 anos, aínda que non foi ata os anos 90 cando se refinou e normalizou o método para conseguir desta forma unha unificación en toda Europa no tocante a unidades, cantidades e sensibilidade deste tipo de técnica. As unidades empregadas neste tipo de probas son as unidade rato (UR) que teñen un factor de conversión a unidades STX de acordo á especie en concreto, peso do rato e cantidade inxectada de produto.

A realización deste bioensaio con rato consiste na administración por inxección dunha cantidade determinada de preparado (tendo 1 ml como referencia) e agardando 24 horas para observar a evolución do rato; “Sofre algún tipo de patoloxía ou morre tras a inxección?”

Na actualidade, esta técnica está en proceso de substitución dende a publicación no Diario Oficial da Unión Europea do Reglamento nº 15/2011 do 10 de xaneiro do 2011. Polo que se modifica o antigo Reglamento nº 207/2005 relativo ós métodos de análise recoñecidos para a detección de biotoxinas mariñas nos moluscos bivalvos vivos.

Substitúese desta forma o bioensaio en ratos polo método LC-MS/MS do LR-UE, é dicir, unha técnica bioquímica que emprega en conxunto a cromatografía líquida coa espectrometría de masas. Sendo esta a técnica de referencia que será de obrigado cumprimento a partires do 2015. Aínda que se poderá complementar con outras técnicas como os ELISA ou a cromatografía líquida de alta resolución (HPLC).

En calquera caso, todas estas técnicas teñen como fin o evitar o sacrificio de ratos en favor do uso da bioquímica e técnicas moleculares actuais.

Fontes:

http://www.aesan.msssi.gob.es/CRLMB/docs/docs/legislacion_comunitaria/directiva91_492.pdf

http://www.aesan.mspsi.es/gl/CRLMB/web/legislacion_comunitaria/legislacion.shtml

ftp://ftp.fao.org/docrep/fao/008/y5486s/y5486s00.pdf

http://www.fao.org/docrep/field/003/AB710E/AB710E24.htm

EURLMB (Laboratorio de Biotoxinas Marinas de Vigo)

INTECMAr (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño)