A biodiversidade lingüistica

7 Decembro 2010
galego

A lingua é ese músculo situado no interior da boca ó que  tanto lle damos uso para lamber un xeado, saborear un alimento ou articular sons. Eses sons articulados, dende o punto de vista filolóxico, son linguas. Lingua é, pois, un sistema de signos propio dunha comunidade de individuos, utilizado para expresarse e comunicarse entre si. Velaí a biodiversidade lingüística, tantas comunidades de individuos, tantas linguas. Esa é a realidade lóxica. Cando hai menos linguas ca comunidades lingüísticas non é por orde natural senón por algún tipo de imposición e/ou asimilación. Unificación e globalización veñen da man de intereses económicos e de intereses de poder en xeral.

 No mundo fálanse entre 4000 e 7000 linguas, e a maior densidade atópase en Papúa Nova Guinea (Oceanía). No caso do noso continente, unha das zonas con menor diversidade lingüística, rexístranse máis de 200 linguas aínda que tan só 30 son linguas de Estado. En canto ao noso país podemos dicir que coexisten sete linguas (galego, castelán, éuscaro, astur-leonés, aragonés, aranés e catalán), pero iso si, cunha extensión, vitalidade e recoñecemento legal moi distintos. O feito de que o noso planeta posúa una gran riqueza lingüística, provoca que sexa difícil atopar un Estado monolingüe. Non obstante, moitas destas linguas atópanse dominadas e en perigo de extinción, xa que cando nun mesmo territorio se produce a convivencia de dúas ou máis linguas xorde un desequilibrio a favor da lingua que goza dun maior prestixio social e de maior poder económico.  A partir destes datos, podémonos decatar da preocupante situación lingüística mundial. As grandes linguas que na actualidade reinan no mundo estano a facer a costa da desaparición  doutras moitas, situación que resulta francamente desalentadora, xa que tódalas linguas do mundo son de vital importancia, independentemente do número de falantes que posúan e do seu poder económico. Todas as linguas nos aportan personalidade e cultura e constitúen a identidade dos pobos que as usan. Cada unha delas posúe unha intensa historia que, en moitos casos, logrou perdurar ata a actualidade, por iso cando unha lingua desaparece leva consigo a identidade do lugar ao que pertence e a dos seus habitantes.

En conclusión, a evolución que se está a producir na sociedade actual, impulsada principalmente pola expansión do capitalismo e polas ansias irrefreables  de cartos que tanto imperan no noso planeta, está traendo consigo graves consecuencias non só a nivel lingüístico senón a todos os niveis. Está provocando a perda da biodiversidade, a aniquilación da lei da natureza e, no caso de non pórmoslle remedio, a destrución do planeta. Pero isto non quere dicir que estea todo perdido, xa que nós, os membros da sociedade, temos o deber e a obriga de velar pola variedade natural,  pola conservación de todas as especies, pola identidade dos pobos e das súas xentes, polo futuro das novas xeracións de seres que poboarán o planeta, se lles deixamos. Debemos estar á alerta e implicármonos. A Terra é nosa, de todos, non só duns poucos. Como ben dicía James Duglas Morrison: “Vive e deixa vivir!”, e esta frase deberíamola ter todos presente.