Biocombustibles. Solución ou problema?

4 Xaneiro 2011
biocombustibles

Planta de Teixeiro

A produción de biocombustibles a partir de materia vexetal presentouse desde un principio como unha alternativa necesaria e complementaria aos combustibles fósiles, a fin de reducir a emisión de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro a atmosfera.

Nesta liña, a Unión Europea marcouse como obxectivo para o ano 2010 que os combustibles que se expenderán nas súas gasolineiras conteñan un mínimo dun 10% de biocombustibles, e un 20% no ano 2020.

Esta pretensión inicial houbo de ser rebaixada ata o 5,7% para o presente ano, en parte pola imposibilidade actual de xerar semellante cantidade de biocombustibles, e tamén polas consecuencias negativas derivadas desta medida, como o aumento do prezo dos cereais, debido en gran parte a movementos especulativos que non se correspondían en realidade coa situación do mercado internacional, a substitución de cultivos dirixidos a alimentación humana por especies de alto rendemento enerxético e a destrución de bosques para acadar maior  superficie destinada a este tipo de cultivos.

A tendencia actual non pasa por aumentar a superficie dirixidas á produción de combustibles verdes, senón a obtención dos mesmos a partir de residuos orgánicos procedentes de actividades agrícolas, forestais e gandeiras, ou mesmo da industria alimentaria. Deste xeito aténdese a necesidade de proporcionar combustibles que non incrementen a emisión de contaminantes e ao mesmo tempo resolve o problema da xestión de determinados residuos.

Como exemplo deste último é moi salientable o descubrimento por parte do grupo de investigación EXPRELA,  da Universidade de A Coruña, dun proceso para a obtención de bioetanol a partir do soro lácteo derivado do proceso fermentativo da elaboración de queixo. (explícase noutro artigo). Este subproduto tamén é empregado como suplemento en outros produtos alimentarios, pero nunha proporción moi pequena, polo que na súa maior parte convértese nun residuo potencialmente contaminante se é liberado no medio.