Bicicletas "solares"

4 Maio 2015
bici solar

A bicicleta, un centenario medio de transporte de dúas rodas e impulsado por pedais, sufriu duns meses para acá unha revolución debido á aparición da bicicleta eléctrica.

Esta nova bici desprázase grazas a un motor eléctrico que ten incorporado, non obstante, a limitada autonomía da súa batería resulta un gran problema. Para solucionar isto, o enxeñeiro danés Jesper Frausing presentou o seu proxecto de bicicleta solar, máis coñecido como “Solar Bike”, no que leva traballando tres anos. Esta idea consiste en que as bicis poidan recargarse coa luz solar, evitando deste xeito colapsos en estacións de recarga eléctrica.

O funcionamento do vehículo é o seguinte: A bici conta cuns paneis solares en ambas as dúas rodas que aproveitan a luz procedente do Sol para xerar enerxía, e esta enerxía fai funcionar un motor que se atopa no tubo inferior do cadro da bici. Así, pódese alcanzar unha velocidade de ata50 km/hcomo máximo cunha autonomía de ata 70 quilómetros.

bicicletas

O auxe desta idea trae consigo, ademais, outras múltiples e variadas virtudes. Por exemplo, o feito de que se poida montar en bici sen ter que realizar un gran esforzo, provocará un aumento na súa venda que tamén se verá impulsado grazas ao seu baixo prezo respecto dun coche ou dunha moto. Co aumento do uso da bici, e a conseguinte redución do uso do coche, tamén se consigue un gran apoio á natureza diminuíndo a contaminación. E outro feito tamén moi importante é que o tráfico das cidades mellorará considerablemente co crecemento do número de ciclistas.

Pese a todas estas vantaxes, este modelo de bicicleta futurista precisa seguir buscando financiación para poder chegar a ser unha realidade nos vindeiros anos.