Avance na loita contra o cancro

2 Maio 2013
cancro

Un grupo de investigadores estadounidenses descubriron unha nova forma de división celular denominada klerocinesis, que no caso de fallar a división convencional, podería, en certo modo evitar que as células continúen multiplicándose dando lugar ao cancro.

Esta inusual división celular, foi descuberta durante a realización de estudios de células con cromosomas defectuosos que orixinan diferentes tipos de cancro como o de mama ou o de páncreas, para así poder coñecer as características desta enfermidade. Os investigadores, mediante a utilización dun axente químico, paralizaron a citoquinese , fase da división celular na que a célula nai divídese en dúas células fillas finalizando o proceso de mitose, e descubriron que ao contrario do esperado, as células fillas obtidas non tiñan cromosomas defectuosos senón que na súa práctica maioría eran células normais. Isto provocou que se interesasen en obter máis información sobre como as células fillas conseguían recuperarse e ser células normais.

Mediante numerosos experimentos puideron afirmar que era un novo tipo de división celular non descuberto ata agora no cal o 90% das células fillas xeradas a partir da célula nai defectuosa, lograban recuperar o seu número normal de cromosomas. Isto supón un gran avance en canto a tratamentos contra o cancro xa que de se conseguir que as células do corpo leven a cabo esta nova forma de división celular, poderían obterse células normais a partir das defectuosas reducindo a incidencia do cancro e abrindo novos camiños cara a elaboración dunha cura contra esta enfermidade.