A auga: sólido, líquido ou gas?

Experimentamos cos cambios de estado da auga
6 Xuño 2013
auga cambios estado

Habitualmente decimos que a auga é un líquido pero, con lixeiras variacións de temperatura tamén pode ser un sólido ou un gas das mesmas características.

Para observar como se comporta a auga ao cambiar a temperatura fixemos varios experimentos:

Medición dos puntos de fusión e ebulición.

Necesitamos: un recipiente de vidro resistente ao lume, un termómetro, xeo e un mecheiro ou forniño.

Trituramos un pouco o xeo e bótamolo no vaso. Colocamos o termómetro e esperamos a que marque cero graos. Poñémolo a quentar e imos rexistrando a temperatura cada minuto. Ao final facemos unha gráfica. O punto de fusión da auga é 0 ºC e o de ebulición 100 ºC.

Imitar o ciclo da auga fusión-evaporación-condensación.

Quentamos xeo nun recipiente e esperamos a que acade os 100 º C e comece a ferver. Retirámolo e cubrímolo cun funil rodeado dun pano húmido. Así observamos como o vapor se condensa e queda apegado nas paredes de vidro do funil.

Estes fenómenos teñen lugar a diario na natureza, nas nosas casas, nas industrias. A auga aparece conxelada nos Polos ou nas montañas, nas mañáns de xeada… e nos nosos conxeladores. Evapórase lentamente coa calor do sol e vai ás nubes. Así seca a nosa roupa ou a terra. Ferve nas fontes termais, ou nas nosa cociñas… O vapor condénsanse nas nosas cociñas e cando nos duchamos e a condensación do vapor das do aire forma a chuvia e o orballo. E todos eses procesos precisan enerxía en forma de calor, natural (solar) ou artificial (eléctrica, combustibles…).

Nos seguintes videos podedes ver o resultado do noso traballo.