A auga na cultura galega . Transporte e condución

Xea
19 Novembro 2013
auga canles

A auga condúcese para levala dun sitio a outro, para pola a traballar, para achegala aos lugares de consumo ou para evitar os danos que poida producir.

As construcións tradicionais para conducir a auga están feitas en pedra, en moitos casos moi ben traballada, e ás veces aproveitando as rochas naturais que se excavaban para darlle forma á canle.

Para salvar alturas e desniveis construíronse acuedutos e para dar saída á auga de tellados e cubertas canos, gárgolas e baixantes.

A pedra escavada foi utilizada como recipiente para a auga nas pías de bautismo e de auga bendecida nas igrexas, e nos pilóns das fontes, vertedeiros e bebedeiros. E diversas estruturas construídas en pedra serven tamén para almacenar auga como os estanques, ou neve, como os neveiros que se construíron nas serras para almacenar o xeo que se vendía despois nas cidades.

Nos tempos en que non había auga corrente nas casas había que ir por auga á fonte para beber, lavarse ou cociñar. Non había cuartos de baño e para lavarse empregábanse diferentes recipientes… Antes de existir o plástico os recipientes para transportar e almacenar a auga eran de barro (cántaros, olas), madeira (sellas, caldeiros, baldes), porcelana  (xerras, palanganas) ou cinc (caldeiros, bañeiras).