A auga na cultura galega. A paisaxe

Formas modeladas pola auga
Xea
21 Maio 2013
auga pías

Tanto a auga da na pedra que acaba por amolecela.

Galicia é un territorio moi antigo onde as rochas están moi presentes. A acción erosiva da chuvia ao longo dos tempos puxo ao descuberto unha gran cantidade de formacións rochosas que antes se atopaban debaixo da superficie e creou nelas unha gran variedade de formas que, nalgúns lugares, representan auténticos monumentos naturais aos que a xente puxo nomes propios ou asociados e crenzas, mitos e lendas.

As correntes de auga excavan profundos canóns e forman pozas e pilancóns nas rochas do leito dos ríos.

A auga da chuvia, pouco a pouco forma na pedra pías, cacholas, penas furadas…

Desde moi antigo as pedras con formas curiosas, en dificil equilibrio ou con ocos, e aquelas nas que se formaban pías e cacholas que retiñan auga, deron lugar a gran cantidade de lendas e ritos relacionados co amor, a fecundidade ou a curación de diversas enfermidades físicas ou psíquicas. Á súa orixe natural atribúeselle moitas veces carácter máxico relacionado cos mouros ou con santos.

Hai penas para curar o tangaraño, as dores dos ósos, os males da cabeza... Outros penedos teñen poderes meléficos e neles nacen os malos ventos ou viven seres malignos.