A auga na cultura galega. O goce da auga

Augas termais e balnearios
28 Xuño 2013
auga termal

Gozar dun bo baño en auga fría ou quente, deixarse acariñar pola corrente ao pé dunha fervenza ou refrescarse nunha poza nun caloroso día de verán, sobre todo despois dunha camiñada... Son moitos os momentos nos que podemos identificarnos coa auga na natureza ou fora dela. Para relaxarnos, refrescarnos ou facer deporte, e tamén para tentar reducir as dores do corpo ou da alma.

A auga abrolla entre as pedras e despois dunha longa viaxe polo interior da terra sae cargada de enerxía e minerais.

Podemos achegarnos ás augas termais a tentar mellorarnos dalgunha doenza ou simplemente por gozar dun momento de relaxación. Deixar que a auga acariñe o corpo canso e que a calor penetre ata os osos facéndonos sentir lixeiros e relaxados, que purifique a nosa pel e dilate as vías respiratorias.

O territorio galego é pródigo en lugares onde facelo, en instalacións tradicionais ou modernas, ou en directo nas pozas e mananciais.