A auga na cultura galega: Auga que hai que pasar

Mil formas de cruzar os ríos
7 Septembro 2013
pasal no Tea

En Galicia hai infinidade de ríos e regatos, polo tanto foron moitas as solucións que se deron desde tempos antigos para salvar os obstáculos que supoñen as correntes de auga.

No país dos “mil... dez mil...”, ou cantos? ríos, e cunha poboación tan pouco vertebrada, existen dez veces máis lugares por onde os ríos deben ser cruzados e a xente creou moitas e axeitadas formas de facelo: vaos, portos, barcos, pasais, poldras, pontellas e, por suposto, pontes, que no lugar máis inesperado poden sorprender pola súa antigüidade, sinxeleza, armonía ou valor artístico.

Cando era posible atravesábanse a pé ou a cabalo por zonas de pouca fondura, os vaos. Nas zonas de paso de carros enlousábase o fondo do río (nestes casos chamábaselle porto).

Os pasadoiros, pasadeiras, pasais, pasos ou peares son ringleiras de pedras que sobresaen da auga dispostas cunha separación entre elas que permite o paso dunha a outra. Ás pedras prismáticas que estan chantadas no leito do río chámaselles poldras.

As pontellas son pontes estreitas para o paso de persoas. Están formadas por varias estructuras verticais sobre as que se construe un camiño de lousas.

O pontillón era unha estrutura simple dun so van nas que sobre dous muros ou estribos situados en ambas beiras apóianse grandes lousas ou pontóns de madeira con anchura suficiente para o paso dun carro.

As pontes son construcións nas que as obras son de máis grande tamaño e a fábrica de mellor calidade A tipoloxía é moi variada segundo a cimentación, forma das cepas, ménsulas, calzada e pontóns. Así atopamos pontes de cepas redondeadas, apuntadas, falso arco, arcos semicirculares, apuntados, dun so van, de varios...

Algunhas das pontes que cruzan os ríos galegos son da época romana e moitas construídas na Idade Media. Tamén seguen en uso obras dos séculos XVI e XVII, aínda que moitas sufriron transformacións e adaptacións en séculos posteriores. A finais do século XIX construíronse as primeiras metálicas para o ferrocarril e xa no século XX extendeuse o uso do formigón armado na construcción de pontes e viadutos.