A auga na cultura galega

29 Xaneiro 2013
auga

Aproveitando o Ano Mundial da Auga e a Cooperación imos facer unha serie de traballos que recollen a importancia da auga na nosa tradición. Falaremos da auga na natureza, do seu aproveitamento e xestión, dos ritos e crenzas… e recolleremos algunhas mostras da literatura oral e pegadas artísticas.

Galicia é terra de moita auga, milleiros de ríos e regatos que discorren pola superficie ou augas que enchoupan a terras e fan xurdir mananciais aquí e acolá. Un país no que a auga é un elemento sempre presente, que xorde e corre por calquera lugar, case nunca de forma tranquila, case nunca en silenzo.

Pero, como di o refrán “nunca chove a gusto de todos”  e unhas veces chove de máis, arrasando con todo o que atopa e producindo enchentes, e outras veces chove de menos e hai amplos períodos de seca.

A nosas xentes descubriron, coñeceron e aproveitaron durante séculos as relación da auga coa terra e a vida. E aproveitaron a forza da auga para facer que as pedras moeran o gran con que facer o pan, para cortar madeira, traballar o ferro afiar ferramentas. E souberon traballar a pedra para reter e guiar a auga, salvar os ríos e protexernos da chuvia. E tamén souberon empregar a auga para sanar ou gozar

Miles de refrans, cantigas, historias, contos e lendas teñen relación coa auga. Posiblemente pola importancia vital que ten a auga para nós (ao igual que para o resto dos seres vivos).

Mares, lagos e lagoas, ríos, regos, fontes, pozos ... non hai lugar algún no que as xentes non teñan unha relación “máxica” de amor-odio coa auga. Nas costas fálase de mar embravecida, de cidades asolagadas por temporais, afundimentos e meigallos; réndese homenaxe ao mar, fonte de riqueza e desgraza ao mesmo tempo. Nas zonas de interior destaca a existencia de fontes miragreiras, pozos con seres mitolóxicos ou tesouros, lagoas encantadas (onde hai máis dunha cidade afundida). Algúns lugares (ríos, lagoas, costas, fontes naturais, fontes termais...), co paso do tempo, fóronse transformando en sitios de culto e pelerinaxe, ao atribuírselles diferentes propiedades miragreiras.

 

Burgas

En Galicia desde tempos prehistóricos existían deidades asociadas á auga como Edovius, Reva, Bormánico, Navia...

Reva, tamén chamada ás veces Reve, é un deus supremo do panteón galaico prerromano asociado á xerarquía, á xustiza e máis á morte e relacionado con ríos, lagoas e fontes termais. É a divindade máis difundida na Gallaecia interior. Foron atopadas abondosas inscricións a esta divindade principalmente ligadas a correntes fluviais, especialmente en Ourense. Un dos seus maiores santuarios é o balneario galaico-romano das Burgas de Ourense do século I D. de C., onde se atoparon ata o de agora cinco aras adicadas ao deus (asimilado polos romanos)

Bormánico: deus das termas, asociado coa curación e coas augas. Chamado tamén Bormo, Bormanus, Borbanus, Boruoboendua, Vabusoa, Labbonus ou Borus.

Navia ou Nabia: deusa dos ríos e da auga na mitoloxía galaica e lusitana, unha das deidades galaicas máis testemuñadas. Dela derivan os nomes dos ríos Navia e Navea.

Edovius é unha deidade acuática galega da cultura castrexa. Na arqueta das augas termais de Caldas de Reis apareceu unha inscripción en latín de trazos prerromanos.