Arte e enerxía tamén poden ir ligadas

5 Abril 2012
arte-enerxía

As enerxías renovables son aquelas que se obteñen de fontes inesgotables, xa ben sexa pola cantidade de enerxía que conteñen ou ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais.

As últimas tendencias buscan que o 100% das enerxías utilizadas no planeta no ano 2050 sexan renovables. Neste artigo vou a falar sobre instalacións de enerxías renovables que son á vez obras de arte.

O “Lunar Cubit” son unhas pirámides cubertas de placas solares fotovoltaicas instaladas en Abu Dhabi. Este conxunto consta dunha pirámide grande rodeada de 8 pirámides pequenas que representan as fases lunares. Estas recollen enerxía solar durante o día e utilízana para iluminar as pirámides pola noite. Permiten abastecer a unhas 250 vivendas.

O Kite Park (parque de papaventos) contén 200 papaventos que empregan o sistema Windbelt para xerar enerxía. Permiten abastecer a máis de 600 vivendas.

A seguinte construción son as “Dunas Solares”, tamén localizadas en Abu Dhabi. Trátase duha instalación fotovoltaica que recolle enerxía solar polo día para iluminar de noite o parque con luces LED.

Outra instalación é o WindNest, que combina a enerxía solar fotovoltaica e a eólica. Está formada por turbinas de vento cubertas cunha tea solar.

Os “Xirasoles Solares” están instalados en Houston, Texas. Consta de 15 xirasoles que captan a enerxía do sol durante o día para alimentar a iluminación LED dos camiños pola noite.

A continuación, a construción “Algas”, que produce e almacena enerxía solar fotovoltaica. A súa aparencia baséase nas diatomeas, unhas algas unicelulares.

A seguinte construción, “Flower Power”, combina células solares fotovoltaicas con turbinas eólicas. A enerxía obtida utilízase para iluminar a noite con LEDs de cores.

GreenPIX está instalado en Pekín e consiste nun edificio que ten un muro cortina formado por LEDs. É un proxecto que aplica a tecnoloxía para captar a enerxía solar polo día e iluminar o muro durante a noite.

O “Earthspeaker” é un aparello que durante o día recolle a enerxía solar e grava sons ambientais da natureza, os cales reproduce pola noite acompañados dunha música relaxante.

E por último o Bright Pavillon, no Louisiana Museum of Arts. Está composto por cortiza e bio-resina e xera enerxía coas pisadas dos visitantes.

Todas estas instalacións son moi boas ideas para fomentar o uso das enerxías renovables, mais non deberían quedar unicamente como algo estético. Penso que estaría ben que se aplicaran para xerar enerxía para vilas ou cidades, ou mesmo para os particulares.