Arribazón: voitre mariño?

7 Abril 2013
voitre mar1

As costas galegas son o fogar de moitos animais e plantas, pero, a maiores do habitual, de cando en vez as nosas Rías reciben visitantes inesperados. Este é por exemplo o caso dos voitres leonados, que reciben o apelativo pola cor ocre das súas enormes ás.

Estas aves preeiras  de arredor dos 10 kg e duns 2'5 m de envergadura xa foron avistadas nalgunhas ocasións no istmo da Lanzada nos últimos anos. A última nova  foi o descubrimento dun exemplar morto de considerable envergadura (2 m) na praia de Magor (concello de Sanxenxo) que apareceu o domingo 18 de marzo.

Pese a ser unha ave de climas cálidos  que habita as zonas rochosas de montaña non é o primeiro exemplar atopado  ao norte en Galicia.

A súa alimentación baséase na prea que coa súa potente vista son capaces de localizar xa que son aves demasiado lentas e pesadas para poder cazar. Prefiren comer grandes mamíferos,e normalmente agloméranse en cuestión de minutos arredor da súa peza.

Aproveitan as correntes de aire para viaxar podendo acadar unha altitude duns 6.000 m e chegar a percorrer arredor de 300 km nun día

Os voitres aparéanse  nos meses de decembro e abril; despois disto as femias producen un único ovo que incuban durante 2 meses. Unha vez que a cría nace comeza a medrar de maneira lenta pero constante.

Na península si que hai comunidades de voitres en Castela, León, Aragón e Andalucía non obstante son colonias permanentes que non realizan migracións dado que o tempo é bastante constante e ademais que son alimentados polos gandeiros e outros afeccionados da zona. En Galicia vense algúns polas Fragas do Eume, O Courel ou o Xistral.

Nalgúns países esta ave está protexida e considerada como especie “de interese especial”; en España está fora de perigo de extinción e posúe unha atención particular polo seu valor científico, ecolóxico, cultural e pola súa singularidade.

voitre mar