Aparece un novo tipo de uva no Rosal

4 Maio 2011
Uvas Rosal

No Rosal, un recóndito val de Galicia limítrofe co río Miño e co Océano Atlántico, dáse unha variedade de uva tinta denominada “Castañal”. Este tipo de uva foi cultivada dende tempos inmemoriais, tendo exemplos de cepas que contan con máis de trescentos anos de existencia.

Enfermidades americanas como o mildeu o oidium e a filoxera, estendéronse a finais do século XIX por toda Europa, ocasionando a desaparición de infinidade de variedades de uva. Para poder seguir producindo, os viticultores da época optaron pola utilización de híbridos máis resistentes, polo que as especies autóctonas fóronse perdendo.

Ante esta situación, Galicia realizou o papel de barreira, diminuíndo o efecto destas pragas de enfermidades e conservando cepas propias, que se seguiron cultivando ata o de agora, como é o caso da uva castañal. Mentres que as outras variedades desaparecían polas pragas e a aparición de híbridos, a castañal seguiu o seu camiño a través do tempo nunha pequena zona do Rosal.

Científicos da “Misión Biolóxica de Galicia” (MBG) do CSIC, grupo que leva dende a década dos oitenta tentando recuperar esta uva, conseguiron o pasado 24 de marzo incluíla no “Rexistro de Variedades Comerciais”. Polo que agora, ademais de existir oficialmente, tamén se pode cultivar e  comercializar con ela, cousa que estaba prohibida antes, xa que soamente se aceptaba a preservación de cepas antigas.

Nun estudo realizado para a MBG dictaminouse que a uva castañal non se da nin en Portugal, nin nos arredores do Rosal nin en ningún outro lugar do mundo, pois os resultados demostran que é diferente a calquera variedade xa descrita.

A MBG tamén recuperou unha bibliografía antiga, onde se narra o éxito desta uva en Galicia fai uns cen anos, onde aparece un texto que explica que a “Castañal” é unha das uvas con maior tradición no sur da provincia de Pontevedra. Nesta bibliografía consérvanse asemade unha serie de enquisas feitas a párrocos, farmacéuticos e mestres da zona, para que expuxesen a súa opinión sobre a calidade da uva, tendo uns resultados óptimos.

Na actualidade, a única adega que posúe viñedos de castañal e que pode agora comercializar con ela, é “Adegas Valmiñor”, pertencente á denominación de orixe “Rías Baixas”. Cristina Mantilla, enóloga da adega, indica que teñen a intención de realizar un viño de garda, polas súas características, pero que tardarán polo menos uns dous anos en producilo. Así que, como indicou a enóloga: “O que non podemos é volvernos tolos”.