Aniversario da molécula máis fermosa

Cúmprense 60 anos do descubrimento da estrutura do ADN
31 Marzo 2013
Artigo Nature

O 25 de abril de 1953 a revista científica Nature publicaba un artigo firmado por Francis Crick e James D. Watson, que supuxo un fito moi importante na historia da ciencia, no que os autores desvelaban a auténtica estrutura do ADN. Daquela aínda se discutía sobre cal era a molécula na que se gardaba a información xenética que se transmitía de xeración en xeración nos seres vivos e que determinaba en gran medida as características de cada especie e de cada individuo, se ben recentes descubrimentos sinalaban inequivocamente ao ADN como a molécula portadora desa información.

Francis Crick, que tiña no momento da publicación 36 anos e destacaba como un brillante científico con grandes coñecementos en Física e Bioloxía molecular, coincidiu en 1951 no laboratorio Cavendish da Universidade de Cambridge con un xovencísimo  biólogo (12 anos menor que  Crick),  norteamericano chamado James D. Watson, un auténtico neno prodixio que ingresara na universidade de Chicago aos 15 anos, na que se doutoraría en zooloxía, concretamente en ornitoloxía, e que posteriormente, baixo a influencia do premio Nobel italiano Salvador Luria, introduciuse no estudio da bioloxía molecular. O encontro entre ambos levoulles a traballar na procura da descoñecida estrutura do ADN, animados polo recente descubrimento da estrutura da hélice α das proteínas por parte do investigador estadounidense Linus Pauling, que xa anunciara que o seu próximo reto sería precisamente o ADN, de feito faría público un modelo de estrutura de ADN baseado nunha triple hélice, que o posterior modelo de Watson e Crick demostrou errado.

Descubridores estrutura ADN

Desentrañar a descoñecida estrutura desta molécula supuña comezar a comprender como se gardaba e transmitía a información xenética, por iso a relevancia do seu descubrimento foi enorme. No mesmo foi fundamental as fotografías de cristais de ADN por difracción de raios X obtidas por Rosalind Franklin e que induciron a pensar a Watson e Crick que o ADN estaba formado por dúas cadeas de nucleótidos entrelazadas unha sobre a outra ao xeito dunha escaleira de caracol, o que levou a denominar a esta estrutura como unha dobre hélice. O acceso a estas imaxes foi fundamental na investigación, pero tamén o máis polémico, xa que Watson e Crick obtivéronas sen o coñecemento de Rosalind Franklin, senón que foi o seu compañeiro Maurice Wilkins quen llas facilitou sen contar coa súa autorización.

A partir dese momento, a estrutura en dobre hélice do ADN converteuse nunha imaxe icónica da ciencia, aparecendo en moitos logotipos de organismos científicos ou empresas farmacéuticas.

Estrutura ADN

No ano 1962, nove anos despois da publicación do descubrimento, James Watson, Francis Crick e Maurice Wilkins foron galardoados co premio Nobel de mediciña. Só cinco anos antes falecera Rosalind Franklin vítima dun cancro de ovario, probablemente contraído pola continuada exposición aos raios X. De non der así, Franklin sería sobradamente merecedora do mesmo recoñecemento.

Francis Crick falecería no verán de 2004 aos 88 anos despois dunha vida dedicada á ciencia. James Watson segue vivo e activo, sendo un dos directores do Proxecto Xenoma Humano e escribindo numerosos artigos en publicacións científicas nos que expresa opinións que en moitas ocasións son motivo de polémica, sendo en ocasións acusado de racista.

A evidente beleza estética desta molécula levou a Francis Crick  a afirmar na defensa deste modelo que esta estrutura era tan fermosa que necesariamente tiña que ser a auténtica, como así se demostraría posteriormente.