Afrodisíaco, galáctico, citoplasma, sismo, constelación, anorexia, planeta, diálise, diarrea…

Eu coñezo a miña herdanza, e ti?
14 Decembro 2012
Cásicas-cartel

O Departamento de Latín e Grego do IES Francisco Asorey de Cambados súmouse á iniciativa da SEEC de Murcia en defensa da Cultura e as Linguas Clásicas co obxectivo de concienciar á comunidade educativa da importancia da herdanza clásica na cultura occidental e reivindicar o papel formativo das nosas linguas no ensino medio, fronte a escura perspectiva que se nos plantexa na LOMCE.

-O acto principal tivo lugar o día 12 do 12 do 12, ás 12 h, celebrándose de maneira conxunta por centos de institucións a nivel nacional e internacional.

No noso centro fixemos dúas actividades:

Exposición: “O lado máis humano da Ciencia”

Lectura dun manifesto en defensa das clásicas

Lectura de diversos fragmentos de autores gregos e latinos por parte do alumnado de Latín e Grego.

 

MANIFESTO

Estamos aquí porque cremos que merecemos saber Grego. Merecemos coñecer a  herdanza que os gregos e os romanos nos deixaron para ser o que somos, e o que non queremos ser. Estamos aquí porque non estamos dispostos a que as reformas educativas sexan de todo menos iso, formativas, enriquecedoras, produtoras de pensamentos críticos e creativos. Estamos aquí porque cremos que merecemos un ensino público de todos e para todos.  Estamos aquí porque o noso mundo sen os clásicos é unha fina capa de xeo que o cambio climático fundirá ata perderse para sempre no máis profundo do abismo.

Afrodisíaco,  galáctico, citoplasma, epitafio, pirómano, quiromancia, sismo, constelación, diálise, necroloxía, fractura, anorexia, plutocracia, patriarca, planeta, concilio, sinfonía, artimaña, cromático, talasoterapia, anagrama, cometa, drama, mímese, gramática, diarrea? Diarrea na mente nestes momentos! Qué é isto? Todas estas palabras, todas, inventáronas os gregos.

Filoloxía. Tamén é unha palabra grega.  Filólogos son os namorados das palabras. E é cousa sabida que amar as palabras é a básica condición para pensar correctamente ou escribir un fermoso poema de amor. Pero sen a lingua grega, o filósofo e o poeta que todos levamos dentro non tería a palabra "idea" para expresar as ideas. E non podería chamar “poema” aos seus versos.

Sen nocións de grego, aínda que sexas Nobel de Física, ignorarás que dividir un átomo é imposible. Sendo un carismático parlamentario ou un meticuloso gramático, descoñecerás que cando dis monarquía, utopía, democracia, metáfora ou alegoría estás falando en grego sen sabelo. Poderás ser un respectado biólogo que almacena na súa memoria o nome de todos os animais, pero che custará entender que un cefalópodo ten a cabeza nos pés. E aínda sendo medallista olímpico, non sospeitarás que un ximnasta vestido é unha contradición, pois iso significa “ximnasta”, o que vai espido (sen dúbida as Olimpiadas aínda terían máis público...)

Se non estudas grego serache imposible adiviñar que o cosmos éo porque é belo e ordenado, que a cosmética pretende que o rostro feminino sexa tan belo e ordenado como o cosmos; e que a Vía Láctea é tan só o chorro de leite que emana do peito dunha fermosa deusa.

Se descoñeces a literatura grega poderás  ser un experto informático capaz de eliminar os troianos de todos os computadores, pero pouco poderás dicir de Héctor, o troiano máis excelso, nin da guerra máis extraordinaria da historia. Sendo o psicólogo máis reputado do mundo, non acabarás de comprender por que todos os nenos teñen complexo de Edipo.

O protagonista dunha película é un heroe. Si, pero sen grego xamais sospeitarás que ademais está emparentado cos deuses. Aínda que algúns actores de cine son cínicos, non saberás que todos os cínicos admiran aos cans. Amante da música urbana, serache fácil constatar que rapero e rapsoda empezan con "rap", pero che será máis complicado apreciar que tanto os modernos raperos como os antigos rapsodas helenos son expertos en coser cancións. E se alguén te chama peripatético, provocando así o teu enfado, será porque ignoras que che está comparando cun dos máis grandes filósofos ao que lle encantaba pasear. E que é verdadeiramente patético enfadarse por iso.

É probable que saibas que Iker Casillas é un estupendo cérbero, pero sen grego nunca sospeitarás que, aínda sen pretendelo, estaslle equiparando cun can de tres cabezas. Saberás que as pitonisas son bruxas, con todo nunca adiviñarás que a súa sabedoría vén da terra e que son amigas da serpe Pitón.

Nunha biblioteca almacénanse libros, pero se descoñeces o grego quizáis  ignores que, pola mesma razón, o moble onde gardas os teus discos preferidos é unha discoteca, aínda que non teña barra de bar nin luces destellantes. Tal vez intúas que o alfa e o omega son o principio e o fin. Pero non saberás por que. E nin sequera barruntarás que omega é tan só unha "ou" moi grande.

Sen os mitos gregos, o talón de Aquiles, a mazá da discordia ou a caixa de Pandora só serán frases feitas. Pero o ignorarás todo sobre a cólera do guerreiro na batalla, dos estragos de Afrodita nos corazóns,  ou as moitísimas cousas que saíron do enigmático cofre antes de quedar atrapada nel a esperanza.

Se cadra un día, tras un silbante frechazo, namorarás platonicamente da túa atractiva veciña. E, posuído polas musas, pasarás a tarde escribindo versos. Pero se non sabes nada da antiga Grecia, descoñecerás por que o teu amor é verdadeiramente platónico, quen son as musas e quen che lanzou a amorosa frecha. 

E sen grego, e sen saber latín, e sen coñecer a túa herdanza, en fin, nunca sospeitarás que, aínda sen estudiar ningunha lingua na Universidade, ao ler con devoción o teu amoroso poema convérteste  no máis digno dos filólogos.

E que, precisamente por iso, mereces saber grego.