Adeus ás “bombillas” de toda a vida
Desde o 1 de setembro de 2012 deixou de fabricarse na Unión Europea a lámpada incandescente tradicional, un dos inventos máis útiles de todos os tempos que leva 132 anos dando luz en todos os fogares.
Poderá seguirse vendendo nas tendas ata que se rematen as existencias.
O plan gradual de desaparición das lámpadas incandescentes comezou en setembro de 2009, co obxecto de ir substituíndoas por lámpadas máis eficientes e de menor consumo como as fluorescentes compactas e as LED. En 2009 deixaron de fabricarse as incandescentes de máis de 100 vatios, en 2011 as de 60 vatios (as máis empregadas) e o 1 de setembro de 2012 as de 40 e 25 vatios.
Poderán usarse durante un tempo as incandescentes melloradas de clase B ou C, que teñen un aspecto similar pero levan tamén tecnoloxía halóxena. As fluorescentes tradicionais tamén se deixarán de fabricar nos próximos anos.
Esto forma parte do plan da Unión Europea para loitar contra o Cambio Climático, co obxectivo de reducir o uso de enerxía primaria nun 20%, centrado no emprego de electrodomésticos eficientes e lámpadas de baixo consumo o que pode supoñer unha redución das emisións de CO2 a atmosfera nuns 15 millóns de toneladas/ano.
ALGÚNS DATOS:
-En España chegaron a venderse cada ano ata 100 millóns de lámpadas incandescentes.
-O alumeado consume arredor dun 20% da enerxía eléctrica en todo o mundo.
-A Comisión Europea calcula que en 2020 conseguirase un aforro de enerxía eléctrica equivalente a que gastan a ano 11 millóns de fogares.
-Suporá un aforro medio dun 15% no recibo eléctrico, entre 25 e 50 euros a ano por vivenda.
AS MELLORES OPCIÓNS PARA AS VIVENDAS:
-As LED son unha boa opción para calquera habitación. Permiten un 100% de encendido desde o comezo e cunha luz viva, e un apagado rápido. Son as máis caras, iínda que se conta que irán baixando os prezos.
-Nas habitacións onde a luz permanece acesa moito tempo recoméndanse as fluorescentes compactas.
-Nas zonas de paso recoméndanse as halóxenas melloradas.
ETIQUETAS:
Os fabricantes están obrigados a indicar no envoltorio a duración da lámpada en horas, cantas veces pode acenderse e apagarse, a temperatura de cor, o tempo de quecemento e se é regulable ou non.
RECICLAXE:
Debido aos compoñentes electrónicos e nalgúns casos tóxicos (mercurio), hai que depositalas nun punto limpo ou devolvelas ao punto de venda.