25 anos do Colectivo Ecoloxista do Salnés

25 anos do CES, unha viaxe no tempo
CES
20 Maio 2013
ces

Dende o século XX ata o s.XXI.

Como non podía ser doutro xeito, o CES naceu en primavera. Un marzal dos últimos anos 80. Tempos distintos dos de agora e que cada quen analice se calquera tempo pasado foi mellor ou peor. Daquela o Salnés xa era máis que unha promesa de “Marbellización” de Galicia e un dos seus destinos turísticos máis relevantes. O caso é que o CES naceu fai 25 anos, o 22 de marzo de 1988, pero co nome cambiado xa que a semente do CES foi a Asociación Ecoloxista do Grove.

Dende o Grove ata o Salnés.

A Asociación Ecoloxista do Grove, o xermolo do CES, naceu grazas a veciños do Grove que vían con pesadume como urbanizacións, recheos e contaminación ían minando a natureza e o futuro da comarca. Fai uns anos o primeiro presidente que tivo o CES, Luís Rei (gran amigo dos libros) escribiu unha carta aos socios recordando os primeiros pasos da asociación. Aquí van as súas verbas:

Hai algo máis de vintecinco anos andaba eu preparando oposicións e para desestresarme facía footing todas as noites. Nas miñas fatigosas andanzas vía avanzar os recheos sobre o mar día a día e pensei que estaría ben fundar un grupo ecoloxista que se chamase Cons da Besuga, porque eses cons pronto serían soterrados. Cando xa (felizmente para min) aprobara as oposicións coloquei uns cartaces por Ogrobe adiante convocando a quen tivese interés en colaborar nun grupo ecoloxista. Non lembro cantos eramos (unha quincena de persoas) pero si que ese mesmo día da xuntanza nos constituímos en Asociación Ecoloxista de O Grove. Tamén lembro a Pedro Benavente e a Moncho Meis traballando desde o primeiro día... e a outros amigos e amigas dos que gardo grata memoria do seu esforzo e colaboración”.

Uns poucos anos máis tarde, xentes doutros concellos veciños, coas mesmas inquietudes, preocupacións e ilusión achegáronse á Asociación Ecoloxista do Grove. Xentes de Portonovo, Cambados, Vilalonga fixeron ver que a asociación tiña que medrar e así en 1991 naceu o Colectivo Ecoloxista do Salnés, ao que a estas alturas do relato xa podemos tutealo e chamarlle CES.

Algúns socios fundadores, como é o caso dos citados na carta de Luís Rei, como outros máis, seguen a ser socios do CES, hoxe celebrando as súas vodas de prata coa agrupación.

Dunha natureza sen protexer ata un LIC.

A loita do CES na actualidade é difícil, e o pasado tamén o foi. Nos 80, a foz do Umia, A Lanzada, a Enseada do Bao, a costa do Grove, non estaba protexida, o que facía máis difícil argumentar na súa defensa, apoiada na razón pero non na lei. Agora apoiámonos na lei o que pasa é que a lei vai torta e ás veces fainos caer. Agora, sobre o corazón natural do Salnés, non caben xa máis recoñecementos (LIC, Ramsar, ZEPA e Zona de Especial Protección polos seus Valores Naturais) e seguramente o CES ten algo que ver.

Poñendo a memoria a funcionar, campañas como a eliminación das canteiras e do aeródromo da Lanzada e do vertedoiro de Feáns, que recibía cos seus cheiros a todo aquel que entraba no Grove; a rehabilitación parcial da duna de Portonovo, algunha construción na costa, a eliminación de perdigóns de chumbo no tiro ao pombiño da Toxa...algo foise conseguindo e mirando con bos ollos para atrás, a cousa non foi tan mal. Con moitos esforzos fomos conseguindo pequenas vitorias que nos ían facendo avanzar no tempo e ir medrando en socios.

CES Prestige

Coa desgraza do Prestige, o CES foi quen de convocar a máis de 200 persoas distribuídas durante moitos fins de semana de traballo para vixiar a costa do Salnés e dar conta do que alí ía sucedendo (chegada de manchas, de animais afectados...). Moita xente da comarca coñeceu o CES neses días de pesadelo, e con nós seguen.

De pintadas e folletos ata facebook e blog.

Moito mudou a forma de facer do colectivo neste cuarto de século. Atrás quedaron murais e pintadas reivindicativas nas paredes valeiras das nosas rúas. Unha das primeiras pintadas que se fixeron, e que no CES quedou como unha icona, foi o de PARQUE NATURAL, XA, pintada nunha torre de Fenosa no istmo da Lanzada. Panfletos, folletos informativos e revistas foron

quedando atrás e substituídas polas novas tecnoloxías: grupos de correo, redes sociais, blogs e internet son agora os nosos altofalantes.

O importante é seguir coa nosa liña de traballo: divulgando os valores naturais e patrimoniais do Salnés coas “Actividades Abertas” (obradoiros, charlas excursións...), colaborando coa Federación Ecoloxista Galega, coa CEMMA e denunciando na administración, nos tribunais e ante os medios todo aquilo que nos parece indigno para a nosa contorna, estudando alternativas e colaborando nunha xestión máis racional da nosa paisaxe e natureza.

Neso andamos e niso seguiremos.