2015 Ano Internacional da Luz

6 Novembro 2015
2015 ano internacional da luz

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 2015 como Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías basadas na Luz.

O obxectivo é chamar a atención sobre o impacto que ten a luz e as súas diversas formas de aproveitamento, na vida das persoas, no desenvolvemento da sociedade e nos retos aos que se enfronta a Humanidade.

Para o ser humano a vista é un dos sentidos máis importantes e funciona grazas á luz. A luz contribúe a nosa saúde e o noso benestar, directa e indirectamente. A luz é fundamental para desenvolver a nosa vida cotiá, para as comunicacións, a medicina, a obtención de enerxía, a agricultura, a cultura… O desenvolvemento de tecnoloxías sostibles relacionadas coa luz melloran a calidade de vida e camiñan cara a un futuro máis sostible.

A luz atópase na orixe da vida, inspirou a beleza, a pintores, poetas, arquitectos… é esencial para a fotografía, o cine, o teatro, a televisión (afecta á resposta emocional da audiencia).

Se miramos arredor noso podemos comprobar as numerosas aplicacións da luz que revolucionaron a sociedade a través da ciencia, a enxeñería, a arquitectura, a medicina, as comunicacións, a cultura o arte e o ocio. As tecnoloxías basadas na luz tamén achegan novas solucións aos problemas mundiais en campos como a enerxía, a educación, a agricultura, o medioambiente ou a sanidade. As industrias relacionadas coa luz son hoxe punteiras e representan un importante sector da economía mundial.

A elección do ano 2015 ven motivada por coincidir varios aniversarios de eventos científicos importantes relacionados coa luz:

-1015: Alhazén publica sete volumes sobre as súas investigacións no campo da óptica.

-1815: Fresnel publica a súa teoría ondulatoria sobre a luz.

-1865: Maxwell: teoría electromagnética.

-1905: Albert Einstein explica o efecto fotoeléctrico.

-1915: Albert Einstein formula a Teoría da Relatividade (Premio Nobel de Física en 1921)

-1965: Arno A. Penzias e Robert W. Willson explican a radición de fondo de microondas (confirmación da teoría do Big Bang) (Premio Nobel de Física en 1978)

-Charles Kuen Kao: fundamento da febra óptica (Premio Nobel de Física en 2009)