2012, Ano Internacional da Enerxía Sostible para tod@s

4 Xaneiro 2012
Ano enerxía

Co comezo do ano abrimos un nov apartado canle adicado á enerxía, coincidindo coa declaración da ONU do ano 2012 á Enerxía Sostible.

Esta declaración ten a finalidade de que a poboación mundial se faga cada vez máis consciente da importancia de que todos e todas poidan acceder a modos sostibles de enerxía renovable a nivel local, rexional ou global.

Cando falamos de enerxía sostible referímonos á aquela que se xera e se usa de xeito que fomente a longo prazo o desenvolvemento humano no ámbito social, económico e ecolóxico. Na actualidade a falta de acceso a este tipo de enerxía é moi acentuada, especialmente por problemas tecnolóxicos ou económicos, o que afecta, sobre todo, aos países e comunidades con menos recursos.

Arredor de 1.500 millóns de persoas (máis dun 21% da poboación mundial) carecen de acceso a fontes de enerxía modernas e outros 3.000 millóns de habitantes dependen da biomasa tradicional e do carbón. Ademais, unha gran cantidade de persoas sen recursos non poden pagar ningún tipo de servizo enerxético, aínda que esté dispoñible.

A poboación mundial, especialmente os países en vía de desenvolvemento, demanda cada vez máis enerxía e o actual sistema, dependente nunha gran parte dos combustibles fósiles, é insostible e contaminante. O principal reto ao que ten que facer fronte a humanidade é conseguir frear o quecemento global do planeta (e o conseguinte cambio climático), pero tamén todos queremos unha vida cómoda con transportes, calefacción e moita enerxía eléctrica para que funcionen a multitude de aparellos e máquinas que empregamos a diario. O reto está é conseguir armonizar progreso e benestar, coa responsabilidade de preservar para o futuro un planeta habitable.

É importante que todos os organismos internacionais (público e privados) se impliquen en facer que os recursos tecnolóxicos permitan xerar enerxía renovable, menos contaminante e accesible á toda a poboación.

A ONU prepara o lanzamento dunha proposta chamada Enerxía Sostible para Todos, dentro do “Obxectivos de desenvolvemento do milenio” que inclúe involucrar a gobernos, asociacións civís e sector privado co fin de acadar tres obxectivos de cara ao 2030:

1-Garantir o acceso universal a servizos enerxéticos moderno. “Disponibilidade física de servizos modernos de enerxía para satisfacer as necesidades humanas básicas a custos accesibles. Estes recursos enerxéticos deben ser fiables, sostibles e, de ser posible, produto de enerxías renovables ou outras fontes enerxéticas con baixo nivel de emisións de dióxido de carbono”.

2-Reducir a intensidade enerxética mundial nun 40%

3-Incrementar o uso das fontes de enerxía renovable a nivel mundial nun 30%.