15 anos sen Carl Sagan

2 Febreiro 2012
Carl Sagan

Carl Sagan; astrónomo, comunicador científico e acérrimo defensor da astrobioloxía, cumpriu o pasado 20 de decembro o seu 15 cabodano.

Sagan naceu en Brooklin no 1934, fillo dun emigrante ruso e dunha ama de casa. Foi esta última a que sumiu a Sagan no mundo da ciencia, levándoo dende moi neno á biblioteca pública de Nova York. Tras estudar ciencias na Universidade de Chicago, obtivo a Mestría en Física, que lle permitiu traballar co célebre Gerard Kuiper, especialista en ciencia planetaria.

Dende 1960, Carl Sagan estudou a meteoroloxía de Marte e Venus, así como o efecto invernadoiro deste último planeta. Sagan tamén se caracteriza polo seu famoso libro “Cosmos”, onde defendía a conexión do ser humano co universo, e pola multitude de artigos dedicados á astronomía planetaria que escribiu. Traballou durante moito tempo na NASA, insistiu na posibilidade dunha zona habitable nos satélites Europa e Titán e impulsou o proxecto SETI, que defende a posible existencia de intelixencia extraterrestre. Unha das ideas revolucionarias destacables de Sagan foi a emisión de mensaxes ó espazo (en forma de sinais e debuxos), que puidesen ser entendidos pola suposta vida extraterrestre.

Este científico foi considerado un fenómeno de masas polo entusiasmo co que desenvolvía o seu traballo. Sagan consideraba o Universo como un “ente unido e global”, e a pesar da aura de segredo que envolve ó coñecemento científico, defendía a divulgación da ciencia. 

Como caracteriza á maioría dos investigadores, Carl Sagan considerábase escéptico con respecto á idea da existencia de Deus, indicando que “..se Deus se entende por un conxunto de leis físicas, entón Deus existe, pero resulta insatisfactorio…”

O traballo deste científico no ámbito da astrobioloxía abriu as portas dun Universo cheo de segredos que agardan ser descubertos. Pero a pesar desta dedicación, Sagan tiña unha visión naturalista e extremadamente respectuosa co mundo e co medio ambiente. Esta visión levouno ao cárcere dúas veces, e a indicar que: “Se hai vida en Marte, non debemos facer nada con ela. Marte pertence ós marciáns, incluso se os marciáns son só microbios”.