100 anos das teorías de Wegener

2 Marzo 2012
Wegener

O pasado 6 de xaneiro cumpríronse 100 anos da conferencia que ofreceu Alfred Wegener, un xeofísico e meteorólogo alemán, en Frankfurt,  con motivo da reunión anual da Sociedade Xeolóxica Alemá. Neste encontro, Wegener presentou a súa teoría sobre a Deriva Continental.  

Nese momento, esta teoría foi rexeitada por todos os expertos da época. E non sería ata 30 anos despois da súa morte (en 1960), cando estas teorías fosen  aceptadas e confirmadas (en parte), grazas a investigacións realizadas dentro do campo do paleomagnetismo. A partir deste momento avalouse o modelo chamado Tectónica de Placas, no que se incorporaban e explicaban as ideas de Wegener sobre o movemento dos continentes.

Na súa teorías, Wegener afirmaba que ata hai 200 millóns de anos, todas as terras emerxidas estaban unidas no macrocontinente chamado Panxea. Nese momento a ruptura do mesmo supuxo a aparición de dous grandes bloques, un acabaría creando Norteamérica, Groenlandia, Europa e parte norte de Asia, e outro daría lugar a Sudamérica, África, a India, Australia e Antártida.

Ademais estas ideas axudaron a dar explicacións sobre a formación de cadeas montañosas, terremotos, volcáns, fosas submariñas etc.