«Terrorismo químico»?

29 Maio 2013
Corcoesto

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e algúns grupos políticos  ven como un acto de «terrorismo químico» o proxecto da empresa canadiense Edgewater, de recuperar a extracción de ouro dunha mina selada nos anos 70 na comarca coruñesa de Cabana de Bergantiños.

Ambas organizacións, apoiadas por outras entidades ecoloxistas e por todos os partidos da oposición en Galicia, levan meses liderando manifestacións e críticas contra o citado proxecto, que recibiu o respaldo da Xunta de Galicia e foi considerado un proxecto estratéxico. Nas protestas, agora deron un paso máis e acaban de presentar unha denuncia na Comisión de Peticións de Parlamento Europeo.

Os portavoces dos afectados compareceron publicamente  para presentar a denuncia enviada a Eurocámara e sinalaron que de seguir adiante coa mina de ouro suporía un «expolio» e a «destrución» do entorno tanto a nivel medioambiental como económico, xa que as substancias que empregarán na explotación son «incompatibles» coa gandeiría e outros sectores produtivos sobre os que se sustenta a economía da zona.

Un dos afectados alertou dicindo que «nos  van a envelenar» e cualifica o proxecto de unha «barbaridade» e un «verdadeiro escándalo». Tiveron que chegar ata o Parlamento Europeo porque se atopan nunha situación de «indefensión».

A eurodeputada Ana Miranda, explicou que o papel da súa organización no Parlamento Europeo será o de «dar apoio total» á denuncia presentada pola plataforma de afectados para «frear este despropósito», así como promover que se debata «máis axilmente que outras que levan anos». A eurodeputada ve «unha cuestión de país», dada a «alarma cidadanía» xerada e as «repercusións sociais, ambientais e económicas» do proxecto.